Patrocinado por

Máis de 110 locais composteláns lembran a Rosalía e piden que se lle dedique a praza de Vigo

La Voz

VEN A GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

Raigame, coa colaboración doutras entidades, impulsa unha iniciativa na que durante do 21 ao 27 de febreiro se repartirán marcapáxinas e pousavasos

19 feb 2022 . Actualizado a las 04:50 h.

Un total de 114 establecementos composteláns, tanto do ámbito comercial como da hostalería, súmanse ás actividades de homenaxe a Rosalía de Castro con motivo do 185 aniversario do seu nacemento. A iniciativa impulsada pola Asociación de Veciños Raigame do Ensanche consiste no reparto de marcapáxinas, portatiques e pousavasos co lema «Rosalía ben merece unha praza», reivindicando deste xeito que a praza de Vigo, o lugar onde estaba situada a casa na que naceu, pase a levar o nome da escritora.

Esta proposta desenvolverase entre o 21 e o 27 de febreiro. Os comercios agasallarán á súa clientela cun marcapáxinas onde tamén aparecen os nomes dos restaurantes que ofrecen o caldo de gloria; mentres que os locais de hostalería distribuirán un pousavasos co nome dos comercios participantes. Ademais, inclúese neles un poema dedicado por Rosalía ao cruceiro de Ramírez.

A iniciativa foi presentada polo presidente de Raigame, Xosé Manuel Durán, acompañado pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; a Fundación Rosalía, Anxo Angueira; e os representantes do resto de entidades colaboradoras, José Antonio Seijas, de Comercio Punto Compostela; Lois López, de Hostalaría.gal; e Thor Rodríguez, de Hostelería Compostela. A concelleira ve posible que haxa un espazo dedicado a Rosalía na contorna da praza de Vigo no marco da reordenación deste espazo. «É unha decisión da comisión de condecoracións, pero entendo que non haberá problemas. Non en todas as cidades naceron figuras da dimensión de Rosalía. Merece todos os honores porque é unha figura universal», afirmou.

Actos hoxe

Acto da AELG

12.00 horas • Panteón de Galegos Ilustres • A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza o seu acto central. Incluirá a lectura do manifesto por parte de Beatriz Maceda. Tamén se lerán poemas rosalianos e haberá unha ofrenda floral.

Roteiros

Percorrido polos lugares rosalianos de Santiago a partir das 11.00 horas partindo da estatua da poeta na Alameda. É precisa inscrición previa.

«Libre coma os paxaros»

19.00 horas • Auditorio Municipal de Padrón • Espectáculo de Teatro do Atlántico.