Patrocinado por

Pontevedra recupera o entroido cunha mestura de ocio, tradición e cultura

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

VEN A GALICIA

O artista Santi Paredes elaborou o cartel, no que o potagonista é Ravachol

19 feb 2022 . Actualizado a las 12:59 h.

O entroido quere volver ser algo máis que unha palabra en Pontevedra. A cidade entrará de novo en festas a partir do venres 25 de febreiro con varios días cargados de actividades por diante, entre disfraces, animacións na rúa e sentir popular.

Logo de non poder ser celebrado o ano pasado pola pandemia, logo dun ano sen Ravachol poder ser velado, a Boa Vila recupera a posibilidade de honrar a memoria do loro máis coñecido da cidade, que non desfilará polas rúas, mais si será exposto desde o día 28 de febreiro, luns, até o seu encontro co lume, o sábado 5 de marzo, na praza do Concello. A veciñanza e os visitantes da cidade poderán velalo ao longo de varios días, presentar os seus respectos e finalmente acompañalo até que o seu corpo acabe convertido en cinza.

«Igual que o Ravachol que acaba de saír do seu ovo, o entroido Pontevedrés tamén quere renacer. E logo dun ano, case podemos dicir que Ravachol será a nosa ave fénix particular, que renace con forza, con gana de festa e de retomar unha tradición tan fermosa coma é o Entroido polas rúas», explica a concelleira de Festas, Carme da Silva (BNG).

Ravachol, ademais, é o gran protagonista do cartel do entroido deste 2022, unha peza deseñada polo artista pontevedrés Santiago Paredes Cruz, que logrou dar vida a un Ravachol que aínda habita no niño, mais xa logra posar con espada de madeira na man e gorro de papel sobre a cabeza.

Paredes, subliñan dende o Concello, é un artista que define ben a Pontevedra actual, dinámica e con talento. «Un artista multidisciplinar que cursou os seus estudos artísticos na facultade de Belas Artes e que soubo dar cun estilo persoal, recoñecible, amais de lograr aplicalo en diferentes ramificacións culturais, coma a ilustración, a BD, o deseño e a moda, e até a música».

A programación deste entroido 2022 en Pontevedra ocorrerá en boa medida na rúa, enchendo de actividades diferentes puntos da cidade. Todo comezará o venres 25 de febreiro, coa recepción das autoridades a Urco, rei do Entroido, quen chegará a Pontevedra acompañado do seu séquito, para a continuación pasar á lectura do pregón a cargo do Equipo Ja.

 

Recreación da botica

Alén dos clásicos pasarrúas e charangas, Pontevedra será testemuña da representación de entroidos tradicionais xunto coa recreación da botica de Perfecto Feijoo, que contará cunha ambientación de seu. A Boa Vila tamén recupera o concurso de Murgas no Pazo da Cultura, que alcanza a súa trinta edición este ano, e que combinará humor, música e moita retranca. A final será o xoves 3 de marzo.

Tamén haberá diversos obradoiros de entroido, de xogos e de disfraces, en diferentes puntos da vila, como as Palmeiras, Campolongo ou Curros Enríquez.

Esta mesma praza o espazo elixido o 1 de marzo para o desembarco da tripulación do Burla Negra no centro histórico, que invita a gozar do noso lado máis pirata ao longo da tarde.

«Non imos laiar con que é un entroido diferente... xa sabemos de sobra que todo é diferente. Hoxe diremos que vai ser un entroido real, divertido, cunha programación para todo o mundo, pensado para os nenos e mantendo elementos tan recoñecíbeis como é a queima de Ravachol ou o concurso de Murgas», sinala Da Silva.

«Imos ter música, disfraces, obradoiros, ambiente na rúa, e tamén unha mirada cultural e estudosa». Por último, no eido cultural, as Xornadas sobre o Entroido de Galiza aportarán diversas visións sobre unha das tradicións máis seguidas, particulares e importantes do país, a través dunha serie de conferencias, mesas redondas e presentacións divididas en dous días, o venres 11 e o sábado 12 de marzo. Todas elas terán como sede a igrexa de Santa Clara, que volver funcionar como un espazo cultural e de divulgación trala súa conversión nun espazo público e municipal.