Patrocinado por

Espectáculos Deza: «As verbenas non deberían ter perigo ao ser en amplos espazos ao aire libre»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

VEN A GALICIA

As comisións comezan a interesarse por contratacións, pero reducen gastos

22 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de dous anos sen verbenas, pola situación sanitaria derivada da covid, hai ganas de festas. Iso é o que aprecia Moncho Lorenzo de Espectáculos Deza entre a veciñanza e as comisións de festas que comezan a artellar celebracións.

—As perspectivas son boas entón.

—Penso que imos ter festas. De feito hai comisións que xa están traballando dende o pasado setembro en previsión de que se puideran facer. Tamén hai quen está esperando para ver como se desenrolan... Certo que tivemos unhas poucas e houbo moita participación, a xente tiña gana de bailar. As verbenas en Galicia non deberían ter perigo ao celebrarse normalmente en amplos espazos e ao aire libre. Poden manterse perfectamente as distancias de seguridade, pódese ir con máscara ou sin ela como se prefira, aínda que xa non é obrigatorio o seu uso no exterior.

—A pandemia fixo desaparecer orquestras, grupos e dúos?

—Aínda non temos todos os datos e non o sabemos con exactitude, pero algunha orquestra desapareceu pero tampouco se descarta que se poida formar de novo de cara ao verán. Para o sector foi unha ruína e imos tardar tempo en volver levantarnos. As festas tal e como se concibían tardaremos en collerles o ritmo. Foron dous anos de total paralise nos que foi preciso facer fronte a gastos fixos, e cuantiosos en moitos casos, pero nos que non se produciron ingresos de ningún tipo. Se a pandemia nos pillara a finais de outono as orquestras xa terían as súas tempadas feitas e, ao mellor, xa tiñan parte das súas inversións pagadas pero non foi o caso. As formacións adoitan cambiar equipos, ampliar escenarios... están continuamente innovando pero truncouse todo e xusto cando ían comezar a tempada veu a pandemia e houbo que facer fronte a pagos sen ingresar nada por contratacións. Imos precisar de tempo para levantar voo.

—Increméntase o caché dos grupos musicais?

—O prezo de calquera contratación vai en función da demanda que haxa e da data da festa. Non é o mesmo un 15 de agosto que un día de semana de marzo... Un dúo pode estar entre 350 e 600 euros, dependendo da categoría, e unha orquestra entre 4.000 e 15.000 euros. A variable pode estar entre 2.000 ou 3.000 euros depende tamén de se a orquestra acepta contratacións todos os días da semana, se só actúa en fins de semana...

—Está claro entón que os prezos máis elevados á hora de contratar calquera actuación musical son os que se dan en verán.

—Os meses de verán é a época das festas, e agosto é o mes principal das verbenas. É o mes no que hai festas prácticamente todos os días, e o 15 de agosto; festividade de Santa María, é o día máis caro para contratar calquera agrupación. As comisións que teñen festas para esas datas ben que o saben.

—Cal é a previsión de gasto nas próximas contratacións, máis ou menos que antes da covid?

—Haberá que ver o que pasa nas próximas semanas coas comisións de festas que se están poñendo en contacto con nós, pero a tendencia penso que vai ir por gastar algo menos. Ao mellor non se recada tanto como en anteriores anos, as empresas xa sabemos que non están agora mesmo no seu mellor momento, os veciños posiblemente tampouco vaian a facer as mesmas aportacións económicas para as festas... Todo iso nos fai prever que sí haberá festas pero que posiblemente non se gaste tanto nelas, que se vaia a facer contratacións máis económicas.