Patrocinado por

Flores, poemas e exposicións en Lugo para honrar a Rosalía de Castro

Laura López LUGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

Os museos volverán regalar caraveis e láminas
Os museos volverán regalar caraveis e láminas Óscar Cela

A provincia celebra o nacemento da autora galega

22 feb 2022 . Actualizado a las 12:16 h.

Mércores 23 • Por toda a provincia • 

A provincia súmase este mércores á celebración do Día de Rosalía con flores, poemas e exposicións.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza no Parque Rosalía de Castro de Lugo, ás 12.00, unha ofrenda floral, a lectura do manifesto Sementando pensamentos e unha lectura pública de poemas e textos da autora homenaxeada.

Ademais, na Praza de San Marcos inaugurarase a exposición A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía, promovida pola Fundación Rosalía de Castro e comisariada por Pepe Barro, que recolle a historia dun logro colectivo como foi a musealización da Casa da Matanza, en Padrón, en pleno franquismo, grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. Poderá visitarse ata finais de marzo.

Agasallos nos museos

Tamén nesta xornada, os catro museos da Rede Museística Provincial (Museo de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Pazo de Tor e Fortaleza de San Paio de Narla) agasallarán ás visitas cun caravel e unha reprodución dun gravado de Antonio Mourín, cun deseño inspirado no poema Quíxente tanto, meniña, de Cantares Gallegos. As láminas poderán recollerse no horario habitual de apertura dos museos.

A Vicepresidencia da Deputación tamén organiza actividades virtuais. Por exemplo, ás 12.00 horas, as comunidades dos catro museos uniranse nunha lectura conxunta da obra de Rosalía de Castro. Ademais, a Rede Museística tamén porá a disposición dos centros educativos e familias unha unidade didáctica sobre Rosalía de Castro, que se poderá descargar na web comunidadermpl.es.

En canto a Vilalba, continúan as Xornadas Rosalianas que organiza o Concello. Este mércores terá lugar o espectáculo O caldo de Gloria, coa participación do alumnado dos IES Basanta Silva e Peña Novo, e Movemento de Vilalba. Será ás 18.00 horas no Auditorio Municipal. Ademais, a Biblioteca Municipal repartirá flores aos seus usuarios, elaboradas no Centro Ocupacional de Vilalba. Tamén contan cunha mostra bibliográfica sobre Rosalía de Castro.

Ribadeo, pola súa banda, tamén celebra o Día de Rosalía cun recital poético ás 18.00 na rúa Rodríguez Murias. Haberá música a cargo de Andrés Bermúdez, ao piano.