José Manuel Canabal: «A filloa pódese tomar de varias formas e todas saborosas»
VEN A GALICIA
Lestedo, en Boqueixón, recupera o día 6 a súa cita gastronómica, que inclúe tamén música e Xenerais
27 feb 2022 . Actualizado a las 22:33 h.Despois dun ano cos fogóns apagados pola pandemia, o día 6 volve a Lestedo a Festa da Filloa coa súa trixésimo novena edición. Para iso prepararán desde as dez da mañá e durante once horas de xeito ininterrumpido máis de 16.000 unidades, pero tamén haberá música e non faltarán os Xenerais, nesta ocasión co Alto pola mañá, xa que o desfile foi eliminado por criterios sanitarios. Precisamente, desde a organización contarán cunha empresa para que se cumpra toda a normativa covid. O escritor Xosé Manuel Lobato será o pregoeiro e as orquestras Finisterre e Olympus animarán a verbena pola tarde. José Manuel Canabal, presidente da Asociación Cultural da Filloa, leva desde a primeiro ano na organización.
—Despois do ano pasado sen festa, hai máis ganas?
—Si, hai máis ganas. Unha das razóns pola que non a fixemos no 2021 era porque estaba todo pechado. Penso que agora, despois de tanto tempo de pandemia, hai ganas de volver á normalidade e de festa. Nós a festa facémola, pero vamos incidir especialmente en que se cumpran as medidas de seguridade.
—Cal é o segredo das filloas de Lestedo?
—No que é a festa, o cariño e o mimo co que se fai. Destaca a achega veciñal. Non é normal que máis de duascentas persoas traballen nunha festa. Entón, creo que o segredo é a cooperación, a unión, a colaboración dos veciños, que traballan desinteresadamente para facela.
—E o segredo para elaboralas....
—Aínda que se fagan na máquina das filloas, non perden a súa textura, o seu sabor. O amoado haino que elaborar con fariña de trigo; ovos, que se poden ser caseiros, mellor; e despois, o touciño, que se usa para untar e dálle un sabor propio... Este ano non se poderán degustar as elaboradas na pedra, nin filloas doces, con crema, nata e outros ingredientes, como chourizo ou bacon, por razóns de espazo ao ter que manter as distancias.
—E, tamén está o debate de se saben mellor as da pedra ou as do filloeiro.
—As filloas é unha sobremesa típica de entroido que se pode degustar de múltiples maneiras e todas son saborosas. Hai xente que as prefire doces, outros salgadas, pero eu creo que o complemento das dúas sería o ideal.
—Xa non hai só filloa de Lestedo o día da festa, senón que boa parte do ano está presente nalgúns establecementos.
—Nós queremos facer actividades durante todo o ano. Nesta edición non podemos facer as xornadas gastronómicas nos bares, pero o noso obxectivo é que se celebren actividades durante todo o ano. Tamén trataremos de optar a que sexa festa de interese turístico nacional.
—Unha cita que tamén van máis alá de Lestedo..
—Si. En Santiago, volvemos a El Corte Inglés.
—Están a piques xa de chegar ás catro décadas.
—Cambiou moito a festa desde primeiros anos, foise mellorando. No 2004, coa introdución da máquina para facelas, mellorouse moito. Agora temos corenta pedras, pero ao principio tiñamos tres ou catro, e filloeiros eran moi poucos. Facíanse con faísca e agora cambiou tanto, que xa se emprega o gas butano. Ademais, Lestedo foi medrando moito e a xente que non era nativa foise incorporando tamén á festa.