Centos de lucenses danse cita en Navia de Suarna para desfrutar da Festa da Androlla
VEN A GALICIA









A degustación dun dos produtos máis típicos do Entroido galego fixo que a capital dos Ancares fose tamén capital da gastronomía esta fin de semana
27 feb 2022 . Actualizado a las 14:53 h.Centos de lucenses chegados de tódolos puntos da provincia déronse onte cita en Navia de Suarna. A capital dos Ancares foi, un ano máis, a capital da gastronomía galega nun dos días máis sinalados do Entroido. E é que a Festa da Androlla deleitou a propios e estraños cunha das delicias máis tradicionais desta época do ano.
Os que se animaron a pasarse por Navia gozaron dun día soleado e dunha Androlla que se mantén en plena forma máis de 30 anos despois da celebración da primeira festa. Intimamente relacionada coa Feira do Butelo da Fonsagrada, Navia é escenario, cada ano, dunha celebración que exhibe un produto único. A Androlla é unha parte da tripa do porco, un embutido elaborado con ósos, carne branda e picante, aínda que as receitas son moi variadas.
Uns dos principais vendedores son da aldea de Liñares, tamén en Navia, que ofrecen un produto especialmente traballado. Tal foi o éxito deste domingo, qué á unha da tarde algún dos postos da praza de Navia de Suarna xa acabara as existencias de androlla. Os pinchos, gratuítos e promovidos polo Concello e pola Diputación de Lugo, practicamente voaron, aínda que ningún comensal quedou con fame. Houbo quen optou por degustar a Androlla de pé, mentres que outros utilizaron as mesas que se colocaron na praza. Á tarde, os postos deron paso á música e ao baile. Un ano máis, en conclusión, a capital dos Ancares foi tamén a capital da Androlla nun día moi especial.