Patrocinado por

Os señores da Serra de San Mamede percorreron Maceda

La Voz OURENSE

VEN A GALICIA

Os felos visitaron os pobos para atoparse de novo cos veciños

26 feb 2022 . Actualizado a las 23:29 h.

Non son como as Tanxugueiras, mais hai tempo que chegaron para quedarse e para reivindicarse como unha das manifestacións do entroido máis enxebres e singulares da provincia. Os que tripaban as corredoiras e os camiños da Serra de San Mamede escorrentando ao lobo coas súas chocas volveron a percorrer os pobos de Maceda para gozar da festa, troulear cos veciños e compartir comida e bebida nas aldeas onde fan parada.

Os felos deixáronse ver pola vila de Maceda e cumpriron coa tradición de percorrer os pobos. Os veciños de Castro de Escuadro, Pías, San Tirso, Vilar, Carguizoi e Tioira atopáronse de novo con eles nunha festa que cada ano conta con máis xente nova que aposta por manter a tradición e na que os propios veciños agardan pola comitiva para gozar do encontro co entroido, ser obxecto das súas acometidas e compartir conversa e amizade xunto á mesa que xa lles teñen preparada con bebida e algo de comida, ou doce, para agasallalos e axudalos a repoñer forzas.

Os tempos mudaron, e xa non andan os felos todo o entroido pola serra, durmindo nos palleiros e pedindo ovos e viño para aturar o frío inverno. Mais volveron para ter cada vez un maior protagonismo e para velar por unha tradición que reclama en cada nova edición un papel destacado dentro dos entroidos de Galicia e, nomeadamente, da provincia de Ourense. E se a mañá se sábado foi de visita aos pobos, Os felos das doce parroquias tiveron cita polo serán na vila de Maceda para cumprir coa tradición da Marela.

Os señores da serra volverán saír nos próximos días e daquela os veciños e investigadores —cada vez son máis os que se achegan ata Maceda para interesarse polo personaxe ou para gozar da festa— poderán vivir un dos entroidos máis singulares da provincia de Ourense. O día 1 coñecerase o gañador do primeiro concurso de mecos do carnaval de Maceda.