Patrocinado por

O regreso do Salón do Libro inclúe máis de 300 actividades no Pazo da Cultura de Pontevedra

Serxio Barral Álvarez
Serxio Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

VEN A GALICIA

La concejala de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, con la mascota el salón do Libro, Orbil
La concejala de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, con la mascota el salón do Libro, Orbil CONCELLO DE PONTEVEDRA

O venres 11 arranca unha nova edición que terá na arte o tema central e a Euskadi como «cultura convidada»

02 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil retoma este ano o 100 % de presencialidade. Foi un dos primeiros eventos afectados pola irrupción do covid-19, que obrigou a pechar as portas do Salón no ano 2020 apenas seis días despois da súa inauguración. Aquela edición transformouse nun «salón virtual», e a do ano pasado foi semipresencial pero cunha fortísima redución dos aforamentos.

Para este 2022, o Salón retorna por todo o alto, tal e como constatou a concelleira de Cultura, Carme Fouces (BNG), na presentación dunha programación que inclúe máis de 300 actividades para todas as idades ao longo de 17 días. «Volvemos ao 100 % —sinalou— e traemos música, danza, teatro, literatura, obradoiros, contacontos, roteiros... o mellor do panorama cultural infantil». E, como parte fundamental da esencia do Salón, volverán os centros escolares a participar activamente en horario matinal en sesións de contacontos, obradoiros ou encontros con autores.

Apertura de portas

O Salón abrirá as portas o venres 11 ás 18.30 horas da man de María Lado e Lucía Aldao, que presentarán Salón de marabillas salvaxes, un espectáculo deseñado exclusivamente para este evento e no que participarán tamén o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, o Coro da Xunqueira, o Ballet de Galicia, Alba Troiteiro, Isaak Aranberri e Andrea García. Esta inauguración terá lugar no auditorio do Pazo da Cultura e a entrada é de balde. Pero, e isto vai ser unha tónica habitual nesta edición do Salón, é necesario reservar praza a través de ataquilla.com.

Na propia web do Salón —www.salondolibro.gal— xa está aberta a reserva de prazas para as actividades a desenvolver ate a 17 de marzo. Ese mesmo día activaranse as que terán lugar ata a clausura, o día 27.

Fouces apuntou ao complicado que é destacar eventos entre un amplo programa que soamente está dispoñible a través da web: este ano non haberá versión impresa «nunha aposta pola sostenibilidade neste proceso de cambio postpandémico». Con todo, destacou a pegada de Euskadi, cultura convidada desta edición, está presente ao longo de todo o programa con Concha Pasamar, Txabi Arnal ou Ana Apika. Ou o pase décimo aniversario do espectáculo Fíos, de Baobab Teatro. E tamén a presenza de Marcel Gros, o espectáculo Nudos, de DaTe Danza, Uxía Lambona e Banda Molona, os 30 anos de Migallas, o RockLab, a clausura con Pesdelán, a homenaxe a Xosé Cobas e Marica Campo...

O Salón fará, asegurou Fouces, que durante uns días «a cultura sexa o centro da vida».

Unha chea de exposicións ao amparo do Salón

Durante a celebración do Salón do Libro, o Pazo da Cultura acollera unha serie de exposicións que abordarán diversas formas de arte e de expresións. Como a mostra Artellando con videoxogos, organizada en colaboración có Museo do Videoxogo de Galicia; ou mesmo as exposicións dedicadas a Xosé Cobas e Marica Campo —ilustradores homenaxeados nesta edición— ou ás ilustradoras galegas.

Outra mostra será Silent Books, de libros ilustrados sen palabras; ou o Espazo Refugallo, deseñado para a experimentación táctil, visual e espacial. Pezas de Manuel Moldes, unha colección de obras de alumnos do Garaxe Hermético (que cumpre dez anos) ou a mostra Volver son outras das exposicións desta edición do Salón.

Julia Lago, nas Residencias Artísticas

O tema central desta edición do salón é A arte (con moita arte!), un motivo que, explican dende a organización, «sempre estivo na recámara, un dos preferidos de familias e profesorado. A arte é un tema moi amplo, que dá pé para tocar moitos aspectos, e nós poremos o foco especialmente as artes plásticas».

E para afondar neste tema, o Salón inicia coa edición deste ano unha nova andaina: o das residencias artísticas. Cada ano a organización vai seleccionar a un artista para que deixe a impronta do Salón realizando un mural na cidade. Carme Fouces desvelou onte que a artista seleccionada para esta primeira edición das residencias vai ser Julia Lago, Premio Castelao de Banda Deseñada.

Fóra do Pazo: da Orbil parade ao Rodalibros

O Pazo da Cultura vai ser o epicentro do Salón do Libro, pero tamén haberá outros escenarios.

Como o programa Rodalibros do Salón, que cada día levará a maxia da cultura a diversos puntos do municipio, como as parroquias, os barrios da cidade ou mesmo a praia fluvial ou o miradoiro de Monte Porreiro.

Tamén fóra do Pazo o Salón propón un xogo: atopar as dez estatuas da súa mascota, Orbil, que estarán espalladas por toda a cidade. Entre estas estatuas hai dúas especiais: foron intervidas polo alumnado dos bacharelatos artísticos da cidade. O Salón propón descubrilas e mandar unha foto con Orbil a salondolibro@pontevedra.gal, o mesmo colgalas nas redes usando o cancelo #OrbilParade.