Patrocinado por

A arte galega máis recente cos fondos do CGAC

m. g. SANTIAGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

xoan a. soler

05 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«É a memoria visual da arte galega». Así definiu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a exposición Cruzamentos, que abriu onte as súas portas no CGAC. Nela recóllense obras de 23 artistas galegos que foron incorporadas á colección propia do museo de arte contemporánea nas últimas dúas décadas. Esta mostra que poderá visitarse ata xuño supón o broche a un proxecto que achegou as pezas pertencentes ao museo a Vigo e a Ourense. «É unha síntese das dúas exposicións anteriores engadindo unha serie de obras que non puideron amosarse na súa totalidade polas características dos espazos», afirmou o director do CGAC, Santiago Olmo.

Cruzamentos busca darlle visibilidade á colección do CGAC e, ademais, ofrece un percorrido polas últimas décadas da arte galega, incidiu Sara Donoso, comisaria da exposición xunto a Olmo. Na selección das obras buscou un equilibrio entre as elaboradas por homes e mulleres, pese a que a presenza feminina na colección é moi inferior. Este proxecto expositivo caracterízase pola diversidade de temáticas, linguaxes e técnicas. Ademais, nela conviven artistas de diferentes xeracións, desde aqueles que están dando os seus primeiros pasos a outros de longa traxectoria. Tamén se recollen pezas de autores que traballan en Galicia e outros que están asentados fóra, caso de Nova York ou Londres.

Nas salas do CGAC relaciónanse pezas que poñen o foco na cuestión de xénero e o rol da muller, como as de Chelo Matesanz e Montse Rego, con outras como as de Mauro Trastoy nas que rompe totalmente coas disciplinas ou a de Ana Pérez Ventura na que combina a música e as artes plásticas. Cruzamentos tamén permite observar por primeira vez a serie completa de fotografías de Rodríguez-Méndez na que o autor se pendura a modo de escultura en casas galegas. Esa conexión co corpo está presente, entre outras, na obra de Ángela de la Cruz.

O percorrido pola arte galega permite ver a interpretación que fai Vítor Mejuto do material empregado por Domingo Fontán para o primeiro mapa de Galicia, a particular paisaxe que crea Antonio Murado ou a peza que pon o foco na narcoarquitectura de Jacobo Bugarín. A lista de artistas complétana Pablo Barreiro, Salvador e Juan Cidrás, Andrea Costas, Eva Díez, Patricia Dopico, Amaya González Reyes, Rubén Grilo, Juan López, Loreto Martínez Troncoso, Álvaro Negro, Carme Nogueira, Isaac Pérez Vicente, Xavier Toubes e Damián Ucieda.