Patrocinado por

A Festa da Filloa de Lestedo repartirá hoxe máis de 15.000 unidades

Uxía López Rodríguez
Uxía López BOQUEIXÓN / LA VOZ

VEN A GALICIA

SANDRA ALONSO

A cita coincide coa dos Xenerais do Ulla, ambas declaradas de interese turístico

06 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Boqueixón recupera hoxe a Festa da Filloa de Lestedo, despois dun ano de parón pola pandemia. Esta 39 edición, organizada pola Asociación Cultural da Filloa en colaboración co Concello de Boqueixón; a Deputación de A Coruña; os Xenerais do Ulla e a Asociación de Mulleres Rurais de Lestedo, xuntará dúas celebracións consideradas Festa de Interese Turístico Galego: a propia Festa da Filloa e os Xenerais da Ulla. Todo nun programa cheo de actividades pensadas tamén para adaptarse á situación de saída da pandemia sanitaria.

Deste xeito, ás dez da mañá acéndese a máquina filloeira, cunha capacidade para elaborar 1.500 unidades cada hora e que estará operativa ata o remate da verbena da tarde, co que a organización agarda poder repartir máis de 15.000 filloas. Ás once, o local social da parroquia de Lestedo acollerá a inauguración da exposición fotográfica 39 anos filloando, organizada pola Asociación de Veciños de Lestedo.

Xa no campo da festa, actuarán distintos grupos musicais da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio. Ás doce terá lugar a tradicional parranda de entroido, antes de que a actriz María Mera presente ás autoridades presentes. Onte estaba confirmada a asistencia do alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández; a conselleira do Mar, Rosa Quintana; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o deputado autonómico Ovidio Rodeiro; o deputado provincial e alcalde de Ames Blas García; e o pregoeiro desta edición, Xosé Manuel Lobato.

Pregón

Á unha menos cuarto terá lugar o Gran Alto dos Xenerais da Ulla, no que se botarán catro atranques, incluído un infantil. Sobre a unha e media será a lectura do pregón de Xosé Manuel Lobato, profesor e escritor nado en Lestedo. A continuación imporanse os Mandís de Honra da Festa da Filloa 2022, que este ano recaeron en Xosé Manuel Lobato; Víctor Furelos, xornalista, e Ramiro Esparís Sampedro, director do CIFP Compostela. De seguido terá lugar o acto de recoñecemento aos xenerais da Ulla, no que José Manuel Iglesias imporá a condecoración de Xenerala da Filloa 2022 a Uxía Canabal Peón. A xornada rematará coa entrega de premios aos gañadores do concurso Filloarte.

Xunto coa festa gastronómica, que é unha das decanas do calendario galego, Lestedo tamén recupera a música de modo que a orquestra Finisterre amenizará a sesión vermú. E, xunto coa orquestra Olympus, protagonizará ademais a verbena a partir das seis da tarde.

A xornada de hoxe, na que Lestedo agarda a miles de persoas, veu precedida de actividades organizadas para exaltar a súa filloa, que pon a esta parroquia de Boqueixón no mapa de Galicia.