Patrocinado por

Unha cartografía da pegada xacobea

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

«Xacobeo. As pegadas do Camiño» amosa importantes pezas de cartografía, pintura, escultura, e tamén carteis, manuscritos e códices medievais.
«Xacobeo. As pegadas do Camiño» amosa importantes pezas de cartografía, pintura, escultura, e tamén carteis, manuscritos e códices medievais. Paco Rodríguez

Chega ao Gaiás a exposición da Biblioteca Nacional sobre o Camiño de Santiago

12 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces, a Historia pode resumirse nunha soa frase, a de Goethe, que, aínda que deturpada, chega á actualidade acubillando unha cultura enteira: «Europa naceu na peregrinación e a cristiandade é o seu idioma materno». Ás veces, esa mesma Historia pode cartografarse a través dunha soa palabra: pegada.

«A pegada é a marca que deixan os pés dos camiñantes sobre o chan», como os milleiros de peregrinos que co seu percorrido foron facendo o Camiño, os camiños. Darío Villanueva, comisario da exposición, fala paseniño, pero o concepto metonimia escóitase por riba dunha coidade selección musical: pegada é tamén, nalgúns países de Hispanoamérica, o camiño en si mesmo.

Arranca así un percorrido pola historia e a cultura europeas composto por duascentas pezas, duascentas pegadas que cartografan o fenómeno xacobeo a través de cinco acepcións distintas dun mesmo concepto. Se cadra por iso, As pegadas do camiño, que viaxa da Biblioteca Nacional a Compostela tras ser visitada por máis de 19.000 persoas, incorpora na Cidade da Cultura catro mapas, parte da colección privada de Jaime Terceiro Lomba.

«Dende os comezos da cartografía, e sobre todo apoiada pola imprenta, hai moitos mapas nos que está sempre presente Santiago como final do Camiño, e incluso tamén Fisterra», explica Villanueva, coordinador dunha exposición cun comité científico composto por Paolo Caucci, Carmen Manso, Juan Monterroso e Xosé Luís Barreiro Rivas. Así que das paredes penduran moitos xeitos de chegar a Santiago, mapas singulares como o de Justus Danckerts, que ben podería ser algo así como o Google Maps do século XVII: un mapa de distancias no que a única cidade española é Santiago de Compostela. Ou a Tabula moderna et nova Hispanie, de 1513, o primeiro mapa impreso no que aparece o Camiño ao cruzar os Pirineos e que podería considerarse una cartografía dos albergues: unha secuencia de puntos, unidos ás poboacións por onde pasaba, vai trazando un percorrido dende Pamplona ata Santiago.

Pegada é camiño, pero tamén rastro, o sinal que deixa algo ou alguén. Tamén o fenómeno xacobeo e o Camiño deixan vestixios, expresións artísticas de todo tipo, como a imaxe de Santiago peregrino de Murillo ou a de Julián Romero e o seu santo patrono, atribuída a un discípulo do Greco, ambas cedidas polo Museo do Prado e que se suman, por exemplo, á exposición dos instrumentos do Pórtico da Gloria, dunha copia manuscrita das Cantigas de Santa María de Afonso X e a exposición, por vez primeira, do orixinal do guión que Ramón Otero Pedrayo escribiu por encargo do vigués Cesáreo González, produtor de Suevia Films, para unha película sobre o Camiño de Santiago que nunca chegaría a ser rodada. Na sala tamén se poden ver unha selección de cortes de producións audiovisuais sobre o Camiño na que se inclúe unha, tamén factura de Cesáreo González, na que o cardeal Quiroga Palacios é parte do argumento.

Indicio, mención, alusión son outras das acepcións de pegada. E Galicia, Santiago, o fenómeno xacobeo e a peregrinación aparecen nomeados en ducias de documentos, compilados agora nesta exposición e que inclúen, por exemplo, mencións de Shakespeare, Dante Aligheri ou Erasmo de Rotterdam, pero tamén o Liber Sancti Iacobi. Miragres de Santiago, unha versión manuscrita en galaico-portugués e unha das traducións máis temperás que se conservan, ou o himno O Dei Verbum, un dos primeiros documentos (do século VIII) que aluden a Santiago como símbolo dos exércitos cristiáns. Un Apóstolo que funciona como construción política, alén da relixiosa.

Foi Francisco de Quevedo —membro da Orde de Santiago xunto a outros grandes nomes, como o de Calderón de la Barca— un dos impulsores de que o Apóstolo fose escollido como patrón de España en detrimento de Santa Teresa de Xesús. O dato dáo Darío Villanueva saíndo da cuarta etapa do relato expositivo: pegada como sinal, lámina ou forma de imprenta, na que se poden ver dende gravados a litografías e o que se coñece como literatura odepórica. Algo así como a parte loxística do camiño. É salientable aquí a Veridica Historia, un diario de peregrino de Nicola Albani do século XVIII, que, baseado nas viaxes de Italia a Galicia, está acompañado de 21 acuarelas sobre a vida no Camiño.

Pegada tamén é, finalmente, impresión profunda e duradeira nunha persoa, como a que o fenómeno xacobeo ten deixado e que se pode ver a través de selos, carteis, programas de festas, e relatos e diarios, escritos loxísticos e cotiáns que, pegada a pegada, foron tamén facendo Camiño.