Ambos faladoiros están destinados para un público adulto
16 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Aínda que o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra está dirixido eminentemente a este público, tamén hai programadas actividades centradas nun público adulto. É o caso dos Faladoiros Creativos, que está semana terá como protagonistas aos integrantes do Espazo Brétema (hoxe, 19.30 horas) e Miguel Ángel Cajigal, más coñecido como El Barroquista (venres, 18 de marzo, mesmo horario). Ambos eventos desenvolveranse no salón de actos do Pazo da Cultura e terán entrada libre ata completar cabida.
Dende o Concello de Pontevedra destacaron que Espazo Brétema «é unha asociación dedicada á difusión e catalogación do panorama cultural galego», de xeito que o compoñen Sandra Capelo Souto, especializada en xestión cultural e historia do cine; Marina Loureiro, especializada en xestión cultural e o mundo sacro; Jennifer Novoa, especializada en xestión cultural e historia da fotografía; Aroa Outón, artista plástica; e Tania Dorribo, especializada en historia antiga. A través deste proxecto, segundo de destacan as súas propias integrantes, buscan «dar visibilidade a unha ampla variedade de manifestacións artísticas de creación galega e realizar unha catalogación do patrimonio artístico galego que está a xurdir».
Neste sentido, destacan que «as artistas emerxentes contan cun talento e unha formación que apenas se proxecta cara o exterior xa que hai unha falta de facilidades á hora da divulgación que favoreza a súa consagración. A raíz disto queremos marcar un precedente na catalogación da arte contemporánea galega que está a xurdir», engadiron.
No caso do historiador e divulgador Miguel Ángel Cajigal Vera, El Barroquista, este organizará o seu relatorio arredor do seu ensaio Otra historia del arte, co que «nos propón unha nova maneira de achegarnos a esta disciplina convidándonos a disfrutar da arte sen prexuízos e con total liberdade. Da man de El Barroquista coñeceremos historias fascinantes e obras personalísimas dalgunhas das figuras máis relevantes da historia da arte como Maurizio Cattelan, Teresa Margolles, Piero Manzoni ou Fiona Banne, xunto a pezas recoñecidas de Guo Xi, Frida Kahlo ou Artemisia Gentileschi».