Patrocinado por

Javier Míguez: «Compostela é o sitio ideal para o Encontro do Viño Galego»

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

O vogal da Ascociación de Hostalaría de Santiago é o impulsor do programa Revera Vinum no Hotel Monumento San Francisco

20 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A partir deste martes, día 22, Santiago estrearase como capital do viño coa celebración do primeiro Encontro do Viño Galego Revera Vinum, unha iniciativa organizada pola Asociación de Hostalaría de Santiago. Durante tres días, no espazo que acolleu a primeira bodega de Compostela, o Hotel Monumento San Francisco, poderán catarse viños de 190 adegas galegas e participar en moitas actividades gastronómicas. Javier Míguez, vogal da asociación, e coñecido hostaleiro compostelán, é o principal impulsor deste proxecto.

—Como xurdiu a organización deste encontro?

—Este é un proxecto do equipo que estamos na asociación de hostalaría. Eu levo traballando 35 anos como hostaleiro especializado, digamos, en locais de viño. É certo que temos feiras como a de Cambados do albariño, a do ribeiro en Ribadavia, e tamén a de Chantada, pero eu sempre tiven en mente xuntar a todo o mundo nun só núcleo, e Compostela é o sitio ideal para o Encontro do Viño Galego. Estamos no centro xeográfico, e a Santiago vén todo o turismo peregrino. Por iso, que mellor que facelo agora, en pleno ano santo.

—E como é posible que non se tivese feito hai anos?

—Esta idea vén de moito antes. No ano 1993 xa fundamos a asociación San Roque de Treixadura e quixemos facer no Museo do Pobo o primeiro Encontro do Viño Novo Galego. De feito, estaba programado para maio dese ano santo. Pero eran outras circunstancias e o viño case non estaba catalogado como un ben cultural. Daquela houbo rexeitamento de varias administracións, e este tipo de eventos, se non hai apoio institucional, é inviable. Co tempo foi madurando esta idea e agora vimos a oportunidade de montar este Revera Vinum con moita ilusión. E aquí estamos. Xuntamos as cinco denominacións de orixe e as catro indicacións xeográficas, e incluso a adegas que non teñen denominación e que teñen viños de moita calidade

—E cales son as expectativas para este Revera Vinum?

—Boas, moi boas. Teremos no Hotel Monumento San Francisco 190 adegas con máis de 500 viños en exposición e 300 nun túnel do viño nos que calquera visitante vainos poder probar. E temos moitas actividades paralelas, como as rutas de viños.

—Na súa dilatada experiencia na restauración, quen considera que valora mellor o esforzo que supón sacar adiante os viños galegos, nós ou os turistas?

—Os galegos non nos queremos ben, non estamos orgullosos do noso. Hai viños de zonas de Francia e Italia que son tan custosos como os galegos pero na súa mente teñen interiorizado o prezo e non hai problema. Tamén pasa cos licores e augardentes. Temos interiorizado que cando un cliente pide unhas gotas non se poden cobrar, pero se pide outro licor pensamos o contrario, porque non hai a conciencia de que o noso produto ten tanta calidade como outros de todo o mundo.

—Con máis de trinta anos de experiencia no sector, como valora a evolución dos nosos caldos?

—En Galicia estase a facer un traballo tremendo que está dando os seus froitos. Os nosos brancos compiten cos mellores do mundo e cos tintos empezamos a estar nas grandes cartas e nas revistas de referencia a nivel mundial.