Carlos Ces: «Non é un ano doado, pero a xente quere festa e esta venlle ben a todo o mundo»
VEN A GALICIA
A comisión que lidera traballa coa idea de que a Guadalupe sexa de oito días
20 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Organizar unhas festas como as da Guadalupe de Rianxo non semella tarefa doada, sobre todo co alto que deixou o listón Ramón Iglesias. Pero o novo presidente da asociación A Moreniña, a encargada das celebracións grandes de Rianxo, Carlos Ces, ten experiencia, pois leva na entidade desde o 2003. Foi ademais o artífice dunha das novas actividades que sumou o programa tradicional e que non tardou en converterse nun dos seus pratos fortes, o Feirón Mariñeiro.
—Con que obxectivo asume a presidencia da entidade e, polo tanto, a máxima responsabilidade na organización das festas da Guadalupe?
—Realmente foron os meus compañeiros de directiva os que me animaron a dar o paso, porque eu estaba pensando no relevo despois de tanto tempo traballando na organización das festas. Pero agora que estou, viñéronme as gañas e a ilusión, sobre todo porque hai xente con ideas novas. Non será unha renovación total, pero haberá sorpresas.
—Sempre mantendo a semana completa de actividades...
—Tentaremos que sexan oito noites de festas, do 9 ao 16 de setembro, pero todo vai depender da colaboración cidadá. Non é un ano doado, pero a xente quere festa e esta venlle ben a todo o mundo, tanto á hostalaría, que o pasou moi mal debido ao covid, como aos veciños, que queren esquecer os dous últimos anos.
—Tense cuestionado no pasado se eses oito días de festa son excesivos, cal é a súa opinión ao respecto?
—Nós estamos facendo contas e botando números, pero se podemos chegar ao oito días queremos facelo. Recortar non é doado, porque se o facemos polo comezo das festas teriamos que eliminar o sábado, que é un dos días que reúne máis xente en Rianxo e se nos imos ao final, non poderiamos rematar en venres. Tamén se ten falado de restar días polo medio, pero é aí onde as orquestras veñen actuar por menos diñeiro, polo que tampouco supón un aumento elevado do gasto. Por iso estamos pensado en introducir cambios no sábado, porque o custe das orquestras é excesivo. Aí é onde queremos facer unha proposta diferente este ano.
—Fala de introducir algúns cambios no programa, que considera intocable?
—É unha festa popular, así que verbenas ten que haber. Si temos claro que o experimento do 2019, de contratar orquestras de estilos diferentes, tivo éxito. O que está claro é que non podemos gastar 15.000 euros nunha gran orquestra, porque con eses cartos podemos facer tres días de festas.
—En que outras modificacións están pensando?
—En principio, non hai nada que queiramos suprimir, porque o programa é moi variado e conta con actividades para todas as idades e gustos. Un dos puntos fortes da Guadalupe é que practicamente oferta propostas a todas as horas e iso non vai cambiar.
—Que é o máis complicado á hora de organizar unhas festas desta envergadura?
—O principal problema é atopar patrocinadores privados, porque iso implica ir petando polas portas das empresas. Logo tamén está a recadación de donativos polas casas, algo ao que queremos darlle unha volta, para que o proceso sexa máis sinxelo. Do mesmo xeito, queremos ofrecer algún incentivo aos veciños que colaboren. Todos temos que facer un esforzo para que haxa festa.
—Aposta entón por seguir a liña anterior á hora de organizar as celebracións?
—Podería dicirse que este é un período de transición, no que irei dando pasos para favorecer o relevo. Eu xa era vicepresidente da asociación A Moreniña cando Moncho Iglesias anunciou que marchaba e convoquei á veciñanza co obxectivo de atopar xente disposta a involucrarse na organización. Agora somos un grupo de persoas e hai quen ten ideas novas, así que desas achegas vai saír o programa das festas da Guadalupe deste 2022. O obxectivo é programar as celebracións como eran antes da chegada da pandemia, reformulando algunhas das actividades.
«Queremos introducir novidades para que as festas da Guadalupe sigan marcando a diferenza»
O equipo que lidera Carlos Ces asume a organización das festas da Guadalupe nunha edición clave, pois todo indica que marcará a volta á normalidade despois da irrupción do covid. Aspira a seguir subindo o listón.
—Como se poden mellorar unhas festas como as da Guadalupe, que practicamente tocaron teito?
—O de tocar teito é relativo e está case sempre vinculado ao orzamento; se hai un ano bo, sobran cartos e entón pódese pensar en ir a máis cando se confecciona o programa.
—Cales foron para baixo o seu punto de vista as edicións que marcaron a diferenza?
—Lembro que no 2004 tivemos en Rianxo as catro mellores orquestras do momento. Desde aquela, o orzamento foi baixando, pero iso non quere dicir que as festas fosen peores, senón que houbo que axustalas ao diñeiro co que se contaba. A partir do 2008 notouse a crise en canto ao número de persoas que acudían ás celebracións, sobre todo a aquelas propostas consideradas máis importantes. Nas últimas edicións parece que se revertía a tendencia e había máis público. Non creo que se poda afirmar que a Guadalupe tocou teito.
—Cre entón que poden aspirar a organizar as mellores festas da historia da Guadalupe?
—O que imos facer é cambiar pequenos detalles, queremos introducir novidades para que as festas da Guadalupe sigan marcando a diferenza. A nosa intención é que a xente vexa que hai unha aposta nova que distinga as celebracións de Rianxo de outras que se celebran na contorna. Tampouco se trata dunha rivalidade, senón dunha competencia saudable para buscar o mellor.
—Augura unha volta á normalidade festiva?
—Si, non creo que se produza unha volta atrás a nivel sanitario que obrigue a instaurar novas restricións. O resto das comisións tamén están traballando e penso que será un verán normal a nivel festivo.