Patrocinado por

A Mostra de Cinema Etnográfico, en Santiago, pon o foco no traballo e na Europa do Leste

Monste García SANTIAGO

VEN A GALICIA

Responsables da MICE xunto a representantes da Xunta, Concello de Santiago e Deputación da Coruña presentaron a programación
Responsables da MICE xunto a representantes da Xunta, Concello de Santiago e Deputación da Coruña presentaron a programación

O festival programa a proxección de máis de trinta filmes a vindeira semana

23 mar 2022 . Actualizado a las 23:36 h.

O traballo constitúe o fío que vertebra a décimo sétima edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) impulsada pola Museo do Pobo Galego. Unha cita que, ademais, pousa a mirada no audiovisual da Europa do Leste, que este ano colle unha maior actualidade debido á guerra en Ucraína. En total, serán máis dunha trintena de filmes os que se proxecten do 28 de marzo ao 2 de abril en diferentes espazos de Santiago, ao que haberá que engadirlle a posibilidade de ver en liña traballos galardoados en pasadas edicións deste festival centrado na etnografía.

A MICE incluirá na sección competitiva catorce filmes —varios deles estrea en España— de nove países. Xunto a traballos procedentes de Alemaña, Francia, Colombia, Perú, Xeorxia, Brasil e A India, entre outros, competirán producións españolas e tres galegas: O último de Arganeo, de David Vázquez; Notas sobre os cesteiros de Mondariz, de Fon Cortizo; e Resonancias do pasado, de Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro. A presenza galega complétase na sección Lindes con A virxe roxa, de Marcos Nine; Nación, de Margarita Ledo; e Cadernas de Olloboi, do Festival Olloboi, convidado especial nesta edición. Será precisamente esta última proposta a que levante o pano da MICE o vindeiro luns.

Por outra banda, a sección Impropias, que busca visibilizar a presenza das mulleres no audiovisual, ofrece esta vez unha mirada sobre a Europa do Leste. O festival encargoulle o comisariado á programadora búlgara Mariana Hristova, que propón na súa selección un percorrido polas antigas terras soviéticas a través de filmes procedentes de Rusia, Xeorxia e Ucraína. «A Europa do Leste está presente na MICE desde hai anos porque toca temas que nos interesan. [...] Falamos con Mariana da importancia que tiña reflexionar sobre o conflito identitario nesa zona, pero non imaxinabamos que o desenlace fora a ser esa tensión actual», asegurou Ana Estévez, directora da MICE, na presentación da programación. Estivo acompañada no acto pola vicepresidenta do Museo do Pobo, Concha Losada; a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e o deputado da área de Cultura da Deputación da coruña, Xurxo Couto.

Tamén a actualidade lle outorga relevancia ao traballo do cineasta catalán Ferrán Llagostera, que presentará na MICE material inédito que gravou sobre as tarefas dos mariñeiros en Terranova.

O festival programa proxeccións no Teatro Principal, en Numax, no Museo do Pobo Galego e tamén chegará a centros culturais composteláns. Do mesmo xeito, inclúe actividades paralelas, como MICE Petís —dirixida á rapazada—, cursos e un seminario con Mariana Hristova.

M. G. Iglesias

A programación desta edición complétase coa exposición Coreografías do facer: o traballo feminino nos fondos Henningsen, que está conformada por imaxes tomadas polo antropólogo e investigador dinamarqués Gustav Henningsen entre 1964 e 1968. A mostra inaugurada onte na ala sur do Museo do Pobo recolle fotografías do traballo feminino. Poderá visitarse ata o 1 de maio.