Patrocinado por

Luis Francisco López: «A minería romana transformou por completo o mundo castrexo do Courel»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

VEN A GALICIA

Luis Francisco López estudou no 2021 un asentamento no monte Cido, no municipio de Folgoso do Courel
Luis Francisco López estudou no 2021 un asentamento no monte Cido, no municipio de Folgoso do Courel ROI FERNANDEZ

O arqueólogo chantadino falará no Museo de Lugo sobre as investigacións arqueolóxicas na serra

23 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O arqueólogo chantadino Luis Francisco López participará o venres na xornada anual de divulgación científica do Museo Provincial de Lugo cunha conferencia sobre «Revisión dos modelos de ocupación castrexa no territorio do Courel». O ano pasado, López codirixiu xunto con Brais Currás as primeiras escavacións realizadas nun antigo asentamento do monte Cido. Neste lugar suponse tradicionalmente que foron encontradas as célebres pezas arqueolóxicas procedentes do Courel que se conservan no Museo Provincial: a táboa da hospitalidade e a aguia de bronce de Carbedo.

—Por que hai que revisar a historia castrexa do Courel?

—Porque nos últimos anos se fixeron estudos e investigacións que obrigan a reconsiderar o que sabemos sobre o mundo castrexo do Courel e dos outros territorios onde houbo explotacións de minería aurífera na época romana. As explotacións mineiras romanas transformaron por completo a sociedade castrexa deses territorios. O que máis se coñece a nivel turístico sobre os castros do Courel en realidade ten unha influencia romana moi grande.

—En que aspectos se notou esa transformación?

—O territorio e a economía foron reorganizados en función das explotacións mineiras e houbo un forte aumento demográfico e cambios na poboación, debido á xente que foi levada a traballar nas minas de ouro. Eses traballadores eran tamén indíxenas, pero procedían seguramente de moitos lugares diferentes e eses movementos de poboación tiveron sen dúbida unha influencia moi forte. É importante sinalar que esa transformación foi moito máis brusca que a que se deu a raíz da romanización nas áreas costeiras. Na costa, esa transformación xa comezara antes porque había relacións comerciais por vía marítima e moita máis influencia do exterior, así que o proceso foi máis gradual e menos brusco que o que experimentaron as poboacións do Courel e doutras rexións do interior, que vivían máis illadas.

—Como era a sociedade castrexa destes territorios antes da romanización?

—Esa é unha cuestión complexa, porque o que sabemos sobre ese período aínda é moi pouco. Os cambios que causaron as explotacións mineiras foron tan grandes e repentinos que ocultaron as pegadas da sociedade castrexa anterior á romanización. Hai que supoñer que a densidade de poboación sería moito menor, entre outros aspectos. Para saber máis sobre ese período hai que facer máis investigacións arqueolóxicas. No Courel non se coñece ningún asentamento que non mostre a influencia romana. Se queremos facer comparacións entre as sociedade anterior e posterior á romanización neste territorio, necesitamos estudar algún castro que conserve vestixios da época anterior á chegada dos romanos. Por agora non sabemos de ningún, pero hai un par deles que talvez poden cumprir esa condición. Para sabelo hai que facer escavacións.

—A que época pertence o asentamento que escavaron no 2021 no monte Cido?

—Con toda seguridade non é anterior á incorporación do territorio ao imperio romano. Encontramos pegadas de dúas ocupacións de diferentes épocas que non están relacionadas entre si, unha do século I e outra do século III. É un asentamento fortificado que seguramente está relacionada coa distribución territorial derivada das explotacións mineiras. É un xacemento que ten a súa relevancia e que habería que estudar máis a fondo.

—As pezas que se conservan no Museo de Lugo proceden realmente desa zona?

—No caso da táboa da hospitalidade pódese afirmar que si. O ano pasado conseguimos certificar esa procedencia porque contactamos cun veciño que presenciou o achado da peza a mediados do século pasado e o seu testemuño é totalmente fiable. O caso da aguia de bronce é máis problemático. Foi achada antes que a táboa da hospitalidade e hai catro ou cinco lendas acerca de como se encontrou, pero ningunha certeza. É unha peza descontextualizada e non sabemos se procede de aí ou doutra parte da serra do Courel, ou doutro lugar diferente. Por outro lado, aínda que sempre se dixo que é un emblema militar romano, non é nada seguro que teña algo que ver con Roma. Tamén podería estar relacionada co castelo medieval de Carbedo.