Patrocinado por

Xoana Almar: «O muralismo non ten que ser sempre para tapar os feísmos»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

VEN A GALICIA

Sandra Alonso

Sete artistas transformarán espazos da parroquia silledense de Cortegada

26 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación de Pontevedra pon en marcha o programa Mulleres Extramuros, que foi presentado esta mesma semana en Silleda, ao iniciar a súa andaina na parroquia de Cortegada, baixo a coordinación da artista Xoana Almar. Este sábado haberá un encontro coa veciñanza, ás 10.30 horas, para presentar a iniciativa no que participarán as recoñecidas artistas escollidas para realizar o mural que transforme a imaxe deste núcleo silledense. Tamén haberá unha chocolatada e pola tarde, ás 17.00 horas, unha camiñada pola localidade.

—Debulle o proxecto.

—Pois o muralismo asóciase ás cidades, ao contorno urbán pero a nosa experiencia dende Cestola (colectivo de traballo asociado do que forma parte) é de traballar moito tamén en vilas pequenas, e este proxecto é de xuntar, de facer un festival en aldeas pequenas coma Cortegada, e a idea e que continúe noutros sitios. Buscamos tamén ter unha conexión coa veciñanza, por iso o sábado faremos unha chocolatada e estaremos as muralistas coa xente de alí. Será un primeiro encontro, despois pasearemos pola zona, veremos os muros nos que intervir e todo isto se fará con tempo dabondo antes da intervención que será en xuño. Iso nos permitirá pensar no que se fará, ademais de sacar historias da veciñanza, de personaxes da zona e mirar posibles espazos nos que actuar posteriormente.

—Por que escolleron a parroquia de Cortegada?

—O sitio para comezar este proxecto xa estaba definido, e a idea é seguir por outras moitas vilas da provincia de Pontevedra.

—As temáticas dos murais irán en función da recollida histórica que fagan coa veciñanza.

—Claro, de aí a importancia de manter ese primeiro encontro no que estaremos as sete artistas que participamos no mesmo: Lula Goce de Baiona, Laura Iturralde de Vigo, Basilisa Fiestras de Forcarei, Ness Morais de Silleda, Virginia Bersabé de Córdoba, Tamara Alves de Lisboa e eu. A maioría dos traballos que se executarán en Cortegada serán murais pero non se desbota algún traballo de escultura.

—Cantas creacións levarán a cabo?

—Unha vez que nos reunamos coa veciñanza esta fin de semana e a escoitemos, comezará a fase de elaboración dos proxectos para cada unha de nós que presentaremos a finais do mes de maio. Cada unha fará un proxecto de intervención artística en función desas historias e das vivencias que a cada unha nos inspiren. En xuño traballaremos na aldea e ao mes seguinte as intervencións deberán de estar rematadas.

—Saben cal será a próxima aldea na que actuarán?

—De momento non, pero a idea é crear unha rede para que a xente vaia ás aldeas, que visite o rural da provincia de Pontevedra.

—Os murais están gañando protagonismo en Galicia e mesmo maior valoración.

—É certo que o muralismo está tendo un bum en Galicia, pero non é menos certo que hai festivais como o DesOrdes Creativas que levan moito tempo en marcha e é un dos primeiros de España.

—Elaborar un mural para tapar un feísmo?

—Creo que temos unha cultura de murais, e o muralismo non ten que ser sempre para tapar feísmos aínda que en ocasións se empregue para elo. Un mural permite humanizar unha determinada rúa e creo que se está traballando ben nesa liña.