Patrocinado por

«É un orgullo para a Mostra do Encaixe ser un referente na moda internacional»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

VEN A GALICIA

Ana Garcia

ENTREVISTA | Sandra Insua, alcaldesa de Camariñas | O encontro artesán é do máis agardado na Semana Santa da Costa da Morte 

28 mar 2022 . Actualizado a las 00:18 h.

A nai de Sandra Insua, alcaldesa de Camariñas (A Ponte do Porto, 1976), foi desas palilleiras «ás que lle sangraban os cotobelos para acabar as tarefas todo os sábados». Por iso non quixo aquilo para a súa filla. Sandra sabe os puntos básicos deste oficio artesán, «un case nada», e malia non palillar, ten unha querenza absoluta pola Mostra do Encaixe, á que leva moitos anos vinculada, e cuxa 31.ª edición xa está próxima: será do 13 ao 17 de abril.

—Volve a Mostra do Encaixe á Semana Santa, volve a tradición.

—Trinta anos sendo así, e penso que xa é inevitable relacionar Semana Santa e Mostra do Encaixe de Camariñas. Os números serán mellores, seguramente, que a Mostra que no 2021 fixemos en outubro, pero aínda así penso que esa 30.ª edición, fóra do seu tempo habitual [a primeira presencial logo da pandemia], vai quedar na memoria para sempre. Polo menos na miña si, porque foi moi desexada. Suspender a do 2020... custoume moito traballo.

—Non será ao nivel do Carme, pero a Mostra para Camariñas...

—Non ten ese significado cristiá do Carme, pero igualmente a tradición é moi forte. Ten moitas implicacións, tanto para a hostalaría como para o pobo en si. Levamos ademais un mes e medio ou dous meses medio mortos, noto á xente apática, está todo isto da guerra, o problema dos prezos do combustible, da luz... Fai falta unha Semana Santa boa, con xente, que nos levante algo o ánimo.

—Da Mostra 2022 xa foron dando algunha pincelada, como esa aposta pola comarca con Damián Álvarez ao fronte da pasarela.

—Foi a imaxe da Mostra de outubro o ano pasado, e tanto xa dende a edición virtual do 2020 como na do 2021 houbo tempo para ir trabando vínculo. É un rapaz moi agradable, conxeniou moi ben en Camariñas. Quixo dar o paso como empresario, vía que podía facelo, e démoslle a oportunidade. É un veciño de Pasarela, de Vimianzo, e cremos que pode aportar moito, incluso modelos internacionais que poidan vir desfilar aquí. Polo demais, a Mostra seguirá un pouco o espírito de todos os anos. Podo avanzar un acto solidario para recadar fondos para a investigación da ataxia de Friedreich: estará o Combo Dominicano o domingo, e o que se recade será para esta causa. Unha Mostra solidaria, por tanto, e unha Mostra, tamén, cun apartado especial para vodas, con empresas do sector, decoración, fotógrafos... Musicalmente, teremos ademais a Xabier Díaz na noite do sábado... Só nos queda agardar por bo tempo, aínda que todo parece indicar que así será: é unha Mostra en abril, alta, normalmente mellores que cando cadran no mes de marzo.

BASILIO BELLO

—Firmas, noveis deseñadores, PequeEncaixe, veteranas... Todo iso seguirá estando presente?

—Si, e nese sentido é de destacar todos eses nomes que no seu momento gañaron o concurso de Jóvenes Diseñadores e que hoxe son un referente da moda galega. Temos nestes momentos o exemplo de Jorge Álvarez, que vestiu ás Tanxugueiras. O certame foi para moitos, como é o caso tamén de Franco Quintáns, un impulso que os levou a dedicarse profesionalmente a este sector.

—As grandes firmas son fieis.

—Esteban Freiría, por exemplo, ten unha colección preciosa que xa deu a coñecer en Marbella, vestindo ao Míster España coa súas creacións con encaixe. Deseñadores coma el repiten ano tras ano en Camariñas, Clautina Mata, Modesto Lomba... O da Mostra é un desfile consagrado: é un orgullo para Camariñas ser un referente da moda internacional.

«Comer sobre un mantel de encaixe é comer en Galicia. Ata parece que a comida sabe mellor!»

O PequeEncaixe, levando aos máis pequenos ao desfile da pasarela da Mostra, fixo que moitas nenas se anotasen a palillo en Camariñas, aínda que a chegada da adolescencia e doutros intereses fai difícil manter aos mozos a pé da almofada. «Pero o que se sabe sábese, e está aí, e con que logo se retome un pouquiño xa case sae só...», valora Sandra, nai de dous fillos. «O mundo dá moitas voltas, e hoxe hai xente que, directa ou indirectamente, está a vivir do encaixe, destes traballos. A nosa propia concelleira Lara Pasantes ten unha tenda, Fiando miúdo, que lle está indo moi ben, e hai outros exemplos, xente nova nas asociacións de palilleiras...», engade.

—Como logran a implicación do voluntariado mozo na Mostra?

—A directora da Mostra, Dolores Lema, fai nese sentido un moi bo traballo. Mímaos moito [ri]. De feito igual debería poñer a eses voluntarios a facer a festa do Carme, porque encontramos máis para a Mostra que para a festa. Fóra bromas, víveno moito. En Semana Santa os mozos xa non ordenan de ir de viaxe a ningún sitio, porque a Semana Santa vívese aquí, en Camariñas. A miña filla, de 14 anos, está desexando que chegue.

La Voz de Galicia está a lanzar co xornal unha edición especial da vaixela de Santa Clara, con opción a facerse con manteis e panos con encaixe de Camariñas. Que valor lle dá a unha mesa?

—É unha distinción. Estar comendo enriba dunha mantelería de encaixe, cunha vaixela así, é como estar comendo sobre Galicia. Incluso parece que a comida sabe mellor! É un traballo manual das nosas artesás, nese mantel sobre o que ti comes ao mellor estivo a señora María, ou Norma, ou calquera das nosas encaixeiras, palillando horas e horas. É un valor engadido. Pasa incluso nunha simple camiseta, eu teño moitas con encaixe porque miña tía palilla, e esa prenda lévoa doutra maneira, porque con ela levo as miñas raíces. Todo o que sexa feito coas mans da nosa xente temos que poñelo en valor. E cada vez máis porque estamos nun mundo globalizado, no que case todo se fai xa na rede. Temos que loitar para que non se perda a tradición do encaixe.

«O Museo dos Naufraxios vai ser o primeiro de Galicia, e pode que de España»

A Semana Santa en Camariñas, ademais da Mostra, que onte se promocionou en Oviedo cunha pasarela, terá o valor engadido de que reabrirá o faro Vilán por parte da Asociación de Empresarios de Camariñas. Solucionouse un «problema burocrático», algo que Insua celebra: «Fixeron sempre un traballo encomiable e nós comprometémonos con eles a unha subvención nominativa e a unha técnica de turismo compartida». Proxecto «estrela», doutro lado, vai ser a conversión do edificio da vella lonxa, hoxe nun estado ruinoso, en Museo dos Naufraxios, primeiro de Galicia e pode que mesmo de España. Ten Insua todo o afán de que o proxecto poida avanzar neste mandato.

Van tres anos de goberno, dous deles de pandemia, e a alcaldesa de Camariñas agradece ter tido neles, nesta situación excepcional, «unha oposición que sumou, que non puxo paus nas rodas».