Patrocinado por

«Quixen rodar o novo vídeoclip na Mariña porque nela as paisaxes falan por si soas»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

VEN A GALICIA

O pasado decembro, Sabela pasou co seu equipo semana e media rodando imaxes para o seu novo vídeoclip en escenarios exteriores da Mariña e Ortegal, e interiores en casas da empresa The Cliffs of Loiba
O pasado decembro, Sabela pasou co seu equipo semana e media rodando imaxes para o seu novo vídeoclip en escenarios exteriores da Mariña e Ortegal, e interiores en casas da empresa The Cliffs of Loiba

Sabela, exconcursante de Operación Triunfo, gravou «Ya no me quiero ir» en Viveiro, O Vicedo ou Ribadeo

27 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

En todas as plataformas dixitais, como Youtube, Facebook ou Instagram, entre outras, se pode visualizar xa «Ya no me quiero ir», o vídeoclip co que Sabela Ramil Rivera, Sabela, abre «unha nova etapa» logo de dous anos de incerteza como consecuencia do parón que enfrontaron o mundo da cultura e da música polo coronavirus. Unha etapa que a cantante natural de Bravos, en Ourol, e que se criou no municipio coruñés das Pontes, arrincou en Madrid o pasado xoves, onde presentou con grande éxito un vídeo que foi gravado en lugares como a praia das Catedrais, en Ribadeo; a de Abrela, no Vicedo; Viveiro ou a praia de Esteiro do Barqueiro, en Mañón. «É unha das miñas favoritas», sorrí Sabela.

«Quixen rodar o novo vídeoclip na Mariña porque nela as paisaxes falan por si soas, ofrecen moita versatilidade», comenta a intérprete, que quedou cuarta na edición de Operación Triunfo do 2018, onde defendeu con soltura e convenceu tanto ó público como ó xurado cantando temas en galego como Tris Tras, de Marful, o grupo encabezado pola focense Ugia Pedreira, quen acaba de publicar disco en solitario.

  

En breve, xira de concertos

Logo daquela etapa de expansión a nivel musical, Sabela mudouse a Madrid, onde continúa formándose continuamente. «Desde que saín do programa estou centrada na música. Os músicos non sabemos vivir doutra forma, necesitamos isto, e sobre todo o directo», comenta. A canción supón o punto de inicio dun traballo discográfico para o que aínda non hai data de presentación nin de estrea. O que si se coñece é que antes do verán Sabela iniciará unha xira de concertos en pequeno formato que no verán a levará a escenarios máis grandes.

Dirixido por Silvia Gray, profesional española asentada en Los Ángeles, e producido en boa medida en Lisboa (Portugal) da man de Diogo Piçarra, o traballo amosa unha imaxe diferente de Sabela. «Pasamos semana e media na Mariña rodando. Parte do meu equipo e galego, pero parte é de Madrid e non coñecía a zona. Fliparon, quedaron todos encantados porque tivemos días de sol, de chuvia, de néboa... Foi xusto ante do Nadal. Gravaron tantas imaxes que darían para facer unha película», comenta Sabela, que ten no mercado un disco en solitario titulado Despedidas, publicado xusto antes do comezo da pandemia do coronavirus. «Colleunos bastante mal e o disco quedou a medias porque case non o puidemos presentar porque se parou todo», recoñece a muller, que continúa encontrando en Bravos o seu refuxio. «Miña nai está alí e vou en canto podo. Sempre que podo escapo porque é un lugar no que reconectar», sinala. E comenta que, se pode, tamén lle gustaría visitar Viveiro durante a Semana Santa, outra cita moi importante para ela.

Quen é? Sabela naceu en 1993 en Bravos, Ourol, aínda que se criou en As Pontes.

OT 2018. Fíxose coñecida ó quedar cuarta no coñecido concurso televisivo.

«Despedida». Título do seu primeiro disco en solitario, editado xusto antes do covid.