Patrocinado por

A Festa da Filloa da Pedra cumpre a maioría de idade na Baña cun cheo total

Patricia Calveiro Iglesias
p. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

A organización celebra unha asistencia sen precedentes tras dous anos de parón

28 mar 2022 . Actualizado a las 09:40 h.

Case doce horas sen descanso. As 34 pedras dispostas no pavillón de San Vicenzo traballaron a pleno rendemento onte, dende as oito da mañá ata pasadas as sete da tarde, na xornada grande da Festa da Filloa da Pedra da Baña. A exaltación gastronómica cumpriu a maioría de idade cun cheo total a media tarde, durante a actuación da orquestra Olympus. Tras dous anos de parón a causa da pandemia, a cita regresou con forzas renovadas e rexistrou un récord de visitantes que acabou cos 2.000 litros de amoado preparado polas voluntarias da Asociación de Filloas da Pedra para a fin de semana.

«Tivemos que anunciar xa ás seis que só nos quedaba amoado para unha hora máis, porque había unha cola de xente enorme e non queriamos que estivesen esperando para verse logo sen filloas. Temos unha sensación agridoce por esas persoas que quedaron sen elas, pero o de hoxe foi o máximo, máis xa non se pode pedir. Ningún ano se encheu o pavillón desta maneira, e igual pasou co polbeiro e co resto dos postos. Vímonos todos desbordados e, se nos deixamos, eu creo que nos comen a nós», explicaban onte dende a organización.

Ao longo da fin de semana repartíronse máis de 18.000 unidades de filloas da pedra na Baña. Os asistentes deron conta delas soas ou acompañadas, con lacón con grelos, chourizo, orella, mel ou chocolate, entre outras combinacións dispoñibles nunha food truck. Música, postos de artesanía e alimentación, polbo, churrasco, churros, rosquillas e algunha atracción de feira completaron a oferta festiva.

Once mozos da Baña nacidos no 2004 (o mesmo ano no que se puxo en marcha esta exaltación gastronómica) fixeron un orixinal pregón que acabou cunha regueifa, nunha edición á que asistiron a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e mesmo puxeron a proba a súa maña como filloeiros. Tamén verteu o amoado na pedra o alcalde, Andrés García, ou os concelleiros César Ramos, Lorena Trillo, José Antonio Pereira e Mónica González. Estiveron presentes, así mesmo, representantes doutras corporacións veciñas, como Santa Comba e Negreira.