Vimianzo presumirá de ser capital do autocaravanismo no tempo das Letras Galegas
VEN A GALICIA
Máis de cen vehículos daranse cita en Soneira entre o 14 e o 17 de maio, tomando parte dun completo programa de actividades
23 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Máis de cen autocaravanas, segundo os datos do Concello e da Asociación Galega de Autocaravanas, daranse cita en Vimianzo entre os días 14 e 17 de maio, coincidiendo co tempo das Letras Galegas e facendo da capital de Soneira, por tanto, tamén a capital do autocaravanismo. Na primera xornada, o sábado 14, logo da recepción na Casa da Cultura ás 10.30, desprazaranse ata Cereixo, onde darán conta dunha comida campestre e coñecerán tamén o importante patrimonio deste núcleo. Para o domingo 15 proxectouse unha ruta polos Penedos de Pasarela e Traba, Paisaxe Protexida, quedando para a tarde unha visita guiada ao castelo. Ese día, os pequenos poderán acudir á Praza para celebrar as Letras con variadas iniciativas (17.00 horas). Finalmente, o luns 16, que será cando actúen as Tanxugueiras, levarase a cabo unha ruta polos Segredos do Val de Vimianzo, incluíndo parada no Mosquetín.
Para a alcaldesa, Mónica Rodríguez, este programa é «froito do traballo do equipo de Turismo, Cultura e Deportes», ao que agradece «non só por confeccionar unha das mellores áreas de autocaravanas de toda a Costa da Morte, senón por darlle sentido con estas actividades». Xosé Anxo Cid, vicepresidente da Asociación Galega, destacou o potencial e a implicación do Concello de Vimianzo. David Abelenda, de Autocaravanas Costa da Morte, fai fincapé no auxe deste turismo e no traballo do consistorio —con persoas como Víctor Santos— para conformar a que entende como «a mellor área e a dotada con maior equipamento de toda a comunidade».