A Feira da Plantación enche de cor San Sadurniño, con éxito de público, ambiente e vendas
VEN A GALICIA








O tempo axudou e o formato, con postos individuais en vez dunha carpa conxunta, e o emprazamento, ao pé do paseo fluvial, foron moi ben recibidos
24 abr 2022 . Actualizado a las 16:45 h.«O ambiente é bárbaro». Así falaba Lucía Ríos, unha das integrantes das Lolas da Cascarilla, da Feira da Plantación de San Sadurniño, a última hora da mañá. O día recibiu aos expositores con sol e boa temperatura, e a xente non tardou en chegar e encher o novo recinto, ao pé do paseo fluvial. «Foi un desfile continuo toda a mañá, persoas pasando con flores, paseando... A xente da zona de artesanía está bastante contenta», engadiu Lucía.
No apartado de viveiros, o eixo central dunha cita que cumpre 25 anos, tamén se respiraba alegría. «Vai ben, consideraríaa outro éxito de audiencia, o ambiente é moi bo, o novo espazo está moi ben, é unha feira específica, perfecta para nós», comentaba José Horjales, de A Casa da Planta, cun viveiro en Riboira (San Sadurniño). En canto aos produtos máis demandados, «este ano vendeuse de todo, moita cor e planta de temporada, como xeranios, petunias, margaritas... pero tamén arbustos, enredadeiras ou froiteiras», indicou. Víase que a xente tiña gañas de volver, logo de dous anos de paralización deste encontro polo covid.
Na zona de alimentación compartían a satisfacción polo ambiente e as vendas. «Hai moita xente, parece unha feira das de antes da pandemia, vese todo moi bonito, o sitio é precioso e a xente ten gañas e ilusión, uns con máscara e outros sen ela», apuntaba Ana Vence, ao fronte do posto de queixos e requeixo de Campo Capela. Os obradoiros de queixo para a rapazada tamén trunfaron.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Manolo Varela, confirmou que a feira seguirá facéndose na finca da Cortiña: «Foi un acerto, igual que o formato [con postos individuais en vez da carpa conxunta], e algún vendedor esgotou a mercancía pola mañá. O balance é moi bo, contaba cunha boa feira se o día axudaba, pero non tanto».
As pandeiretas do grupo Pansenfron animaron a xornada, igual que os sorteos de ramos e centros florais (o último, ás 19.30 horas), e os agasallos de plantas ornamentais por parte da empresa local Vivergal.