Patrocinado por

«Coa fotografía podemos plasmar o que levamos dentro»

La Voz VIGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

As persoas que viven nas vivendas de acollida da asociación Érguete amosan a súa mirada interior de Vigo nunha exposición

25 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A fotografía é unha ferramenta de expresión moi eficaz para transmitir realidades. Por iso, as persoas que residen nas vivendas de acollida da asociación Érguete en Vigo decidiron compartir coa sociedade unha mirada interior á súa vida e á cidade na que viven cunha exposición de 29 imaxes. Un dos usuarios e fotógrafos, Daniel Sanjurjo, explica que durante os seus percorridos cámara en man puideron percibir como a fotografía se convertía nunha ferramenta «onde podemos plasmar o que levamos dentro. As nosas ganas de cambiar, as nosas perspectivas de vida e inquietudes...», e agarda que a mostra «sirva para deixar atrás prexuízos e transmitir simpatía, solidariedade a través da arte».

Esta idea nace a través da iniciativa da educadora social de Érguete, Andrea Venn, para acompañar aos usuarios na súa busca de novos elementos de expresión e para rachar prexuízos na sociedade. «As persoas que están nun proceso de recuperación de adiccións son un colectivo moi xulgado, sobre todo polo descoñecemento do seu proceso e dificultades, e diana de moitos prexuízos», explica a educadora que os acompaña nestas vivendas no seu camiño para abandonar as substancias e incorporarse de novo á vida diaria e normalizada.

Na exposición, cada fotografía vai acompañada dunha descrición que relata as intencións que hai detrás da imaxe. Desta maneira, en palabras de Venn, «podemos ver un cachiño de cada un e do proceso que levan dentro. Son a ventá a todas eles» na que ver como utilizan a arte como unha vía de escape da súa rutina «para falar de algo máis alá, algo que vai con eles e precisan expresar».

Tanto Daniel Sanjurjo como a súa educadora social agardan que esta exposición nos mostre que «hai moitísimas cousas máis alá dos nosos prexuízos e o noso descoñecemento. Que na mente destas persoas hai arte en estado puro, e que son capaces de transformar este proceso (as veces moi difícil) en pezas fotográficas moi bonitas».

Na asociación Érguete están moi felices cos resultados da iniciativa. Polo de agora, animáronse a participar a maioría das persoas usuarias das vivendas de acollida e conseguiron emocionar a traballadores e traballadoras da entidade e ao público en xeral que desfruta da exposición a través das redes sociais da Asociación. Tamén queren animar a todos e a todas a entrar no seu Instagram (@asociacionerguete) e a reflexionar sobre as mensaxes e fotografías que comparten «os nosos novos fotógrafos».