Patrocinado por

Manuel Buján: «Ensinamos a historia de Lugo recreándoa con humor e con rigor histórico»

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA LUGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

Buján personifica a Paulo Fabio Máximo para explicar a historia da cidade en paseos turísticos
Buján personifica a Paulo Fabio Máximo para explicar a historia da cidade en paseos turísticos ALBERTO LÓPEZ

O novo presidente do Senatus Lucus Augusti destaca o éxito dos paseos culturais e lamenta que moitos lucenses non coñezan a cidade «porque merece a pena»

26 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arde Lucus cumpriu o ano pasado 20 anos, pero a festa de recreación histórica colleu un pouco máis de forma e rigor hai dez, cando se creou o Senado romano en Lugo. A asociación Senatus Lucus Augusti chega este 2022 ao seu décimo aniversario con 32 senadores e un novo presidente, Manuel Buján, que defende a entidade como unha ferramenta para divulgar a historia da cidade sempre cun toque humorístico. «Nós non somos guías turísticos, pero a xente gústalle o que facemos e podemos axudar a que se coñeza o pasado de Lugo».

—Como cambiou Senaturs dende a fundación ata agora que é presidente?

—Os fundadores fomos 25 homes e agora somos 32. En todos estes anos non se foi ninguén porque nunca tivemos ningún problema. As actividades que facemos cada vez teñen máis éxito e ven máis xente.

—Sempre lle gustou a historia?

—Dende que estou na asociación interésame máis. Sempre me gustou a historia pero co Senado comecei a descubrir a da nosa cidade, que merece moito ser coñecida.

—Era necesario un Senado no Arde Lucus?

—É ben sabida a importancia do Senado na época romana. Así que aínda que en Lugo non houbese esa institución, facíalle falta á festa para emular mellor como eran aqueles tempos.

—Funcionades igual que o Senado orixinal?

—Seguimos o seu curso sonorum, é dicir, os cargos públicos. Cando se fundou o Senado só pertencían a el homes ricos, os patricios, pero posteriormente incluíse un tribuno do pobo, de xeito que a cidadanía tiña dereito de veto, pero non falaban. Nós contamos con todos ese cargos: temos os cónsules e maxistraturas maiores, pretores, censores, edís, cuestores, tribunos da plebe e lictores.

—Como o representades?

—Gardamos un pouco de rigor histórico, pero nas nosas sesións facemos debates en ton humorístico. Unha das que facemos é a de cando Augusti presenta a súa dimisión para reforzarse, o consigue e entón decide ampliar as cidades en Hispania e chega a Lucus Augusti. Aínda que tamén temos outras historias como a defensa a un senador que gastara cartos nunha prostituta.

—Máis alá do Arde Lucus, facedes paseos pola cidade, en que consisten?

—Forman parte de programación do Arde Lucus Cultural para realzar a historia de Lugo. Neses paseos eu son Paulo Fabio Máximo, antes ía acompañado do historiador Javier Gómez, pero agora é co guía Guido. A través da personaxe, visitamos algún lugar de Lugo e contamos a súa historia. Este fin de semana fomos ao Centro Arqueolóxico de San Roque, o 7 de maio iremos Santa Eulalia de Bóveda; o 14, ao balneario, o 21 estamos polo adarve da Muralla e o 28 da Domus. Ven bastante xente, de feito antes facíamos catro pasemos e ampliamos a cinco.

—A recreación axuda a aprender historia?

—Os guías turísticos, que nós non o somos, cambiaron moito. Hai 40 anos facías unha visita era unha sucesión de datas das que non pasabas da primeira. Agora é distinto, é máis anecdotario e ameno e funciona mellor. Nós intentamos achegar así a historia da cidade porque a xente de Lugo capital non a coñece, nin sequera a do centro histórico.

— Cal é o sitio que máis lle gusta explicar a Paulo Fabio Máximo?

—Sinto predilección polo tramo das Portas Miñá e de Santiago. Teñen unha historia tremenda. Por exemplo, moita xente non sabe que la parte interior das portas establecíanse santuarios. Ou que na Porta Miñá, por exemplo ese oco chegou a alugalo o Concello para que durmise a xente.

Conferencias e exposicións con reserva previa

A asociación comeza o venres 29 cos actos. Trátase de dúas conferencias, unha do profesor de historia Javier Gómez «Relación do Senado Romano cos emperadores» e outra da avogada María Álvarez, «Dereito Romano no século XXI». Serán ás 20.00 no salón de actos da Deputación. Hai que inscribirse en correo@spql.es. Ademais, o 16 de maio abrirán unha exposición e renderán homenaxe a dous compañeiros falecidos.