A Festa do Boi de Allariz recupera o seu formato con máis de cincuenta actividades
VEN A GALICIA
A cita festiva celebrarase do 11 ó 19 de xuño e haberá doce saídas do boi
26 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A asociación cultural Xan de Arzúa e o Concello de Allariz recuperan este ano o formato da Festa do Boi, que se celebrará do 11 ó 19 de xuño. Durante nove días haberá preto de cincuenta actividades entre música, teatro, encontros populares e as saídas do boi, o acto central da festa. A asociación cultural Xan de Arzúa aposta por potenciar o carácter cultural e histórico con actividades como o Trato do Boi, a procesión medieval na que participarán máis de vinte gremios ou o encontro no castelo. Así, agardase que cincocentas persoas ataviadas cos seus respectivos traxes representen a orixe da Festa do Boi.
Os rapaces terán o seu espazo cunha programación especial. Así o martes e o mércores (14 e 15 de xuño) a maioría das actividades están pensadas para eles. Son o Pistaboi, as saídas infantís do boi os Boicreques ou o concerto de Ce Fantasma. Ademais, a asociación cultural en colaboración coa concellaría de Cultura realizará talleres no colexio Padre Feijóo os días previos ó comezo da festa.
Este ano haberá doce saídas do boi durante os nove días da edición. O comezo será anunciado con seis bombas de palenque e unha soa avisará do seu fin. Desde Xan de Arzúa lembran da importancia de seguir os consellos escritos no programa, así como nas entradas das rúas ou do casco histórico, por onde se desenvolven as carreiras, para evitar sustos.
Unha actividade que non pode faltar na programación é a cea popular do xoves no Campo da Barreira. Nela participarán os veciños e as persoas que colaboran ca súa achega e que fan posible que ano tras ano se celebre a festa de referencia. A música, como é habitual, terá unha importante presenza contando con grupos de gaiteiros, charangas e orquestra, e os tradicionais Zés Perreiras, entre outros.
A Festa do Boi conta cun orzamento de 75.000 euros, sufragado pola achega voluntaria dos veciños, comerciantes e hostaleiros de Allariz ós que porta por porta se lles pide contribución para poder celebrala.