A Deputación organiza 16 rutas guiadas polo mellor das igrexas románicas da provincia de Lugo
VEN A GALICIA
Inclúe itinerarios pola Ribeira Sacra, A Ulloa, Lugo e a Montaña. Hai 400 prazas dispoñibles, catro veces máis que o ano pasado
27 abr 2022 . Actualizado a las 17:29 h.A Deputación de Lugo conmemorará este ano o día da ruta europea transrománica cun programa de 16 visitas organizadas a igrexas románicas da Ribeira Sacra, A Ulloa, Lugo e a Montaña, entre outras. O Día da Transrománica xa fora conmemorado deste xeito o ano pasado, pero nesta ocasión amplíase o número de visitas e de días. A programación deste ano foi presentada este mércores en Taboada polo presidente da Deputación, José Tomé, e a deputada de Turismo, Pilar García Porto, nun acto que se celebrou xunto á igrexa de Santa María de Taboada dos Freires.
A segunda edición do programa de actividades gratuítas sobre a ruta transrománica incluirá nesta ocasión un total de 16 percorridos polo patrimonio románico da provincia de Lugo, que se celebrarán na primeira quincena de maio. O día da transrománica celébrase oficialmente o 9 de maio, pero estas rutas terán lugar ese mes os días 7, 8 e 9, e 14 e 15. Na presentación destas actividades, o presidente da Deputación lembrou que as 112 prazas que foran ofertadas o ano pasado esgotáronse en só 5 días. Por iso, para esta segunda edición decidiron "reeditar e ampliar esta iniciativa, que forma parte das actividades que poñemos en marcha dende a Deputación de Lugo tras conseguir no ano 2020 o ingreso na Rede Transrománica, recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa, o que situou ao románico lucense no nivel máis alto de recoñecemento europeo”.
Este ano, o número de prazas existentes ascende a 400, o que supón prácticamente catro veces máis que no 2021. Todas as rutas estaran dirixidas por un guía oficial de turismo. Para participar é preciso inscribirse na web http://inscricions.deputacionlugo.org. O prazo para facelo ábrese este xoves. Os que se queiran apuntar teñen de prazo ata dous días antes da ruta que desexen facer, ou ata que se complete o aforo de cada percorrido. É posible solicitar máis información nos teléfonos 982 260 011 e 982 260 234, ou no correo electrónico romanico@deputacionlugo.org.
As 16 rutas programadas para o mes de maio en diferentes puntos da provincia
Estas son as rutas programadas este ano pola Deputación de Lugo con motivo do día da transrománica:
Sábado, 7 de maio
- 10.30 horas. O románico nas Terras da Ulloa
- 11.00 horas. Románico do Lugo rural e Guntín
- 16.30 horas. O románico de Chantada
- 16.30 horas. O románico nas Terras da Ulloa: Palas de Rei e Monterroso
Domingo, 8 de maio
- 10.30 horas. Taboada: O románico menos coñecido
- 10.30 horas. Pantón: A ruta do monacato Feminino
- 16.30 horas. O Saviñao: Románico con vistas ao Miño
Luns, 9 de maio
- 11.30 horas. A Catedral de Lugo e a cidade medieval
Sábado, 14 de maio
- 10.30 horas. O románico en Sober
- 10.30 horas. Monforte na historia
- 16.30 horas. O románico no Xeoparque das Montañas do Courel
- 16.30 horas. Santa María de Meira
Domingo, 15 de maio
- 10.30 horas. O Románico na contorna do Miño e o Camiño de Santiago: Portomarín e Paradela
- 10.30 horas. San Martiño de Mondoñedo
- 16.30 horas. O Románico no Camiño Francés
- 17.00 horas. Santa María do Campo e Viveiro histórico