A Mancomunidade do Salnés aspira a facer do golf unha panca turística
VEN A GALICIA
O ente patrocina o Circuíto Camiño Portugués de Santiago de Compostela
27 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Apostar polo turismo deportivo de alto poder adquisitivo. Este é o enfoque que levou a Mancomunidade do Salnés a colaborar como patrocinador co Circuíto de Golf Camiño Portugués de Santiago de Compostela. Unha iniciativa impulsada desde a Fundación Monte Castrove que xestiona o campo de Meis, con seis torneos entre o 6 de maio e o 9 de xullo: os tres primeiros en Portugal e outros tantos en Galicia, e unha final que reunirá, o 10 de setembro en Meis, os mellores de cada unha das citas do seu calendario.
A presidenta da Mancomunidade do Salnés, a socialista Marta Giráldez, encargouse na mañá de onte de debullar os motivos que levan o ente supramunicipal a apostar por unha proposta, contan os seus promotores, pioneira no tocante ao seu formato galego-portugués seguindo os pasos xacobeos: «Desde a Mancomunidade estamos a poñer en valor o Camiño de Santiago. Este circuíto vai dirixido ao turismo deportivo, buscando a través do golf a promoción do noso xeodestino. Nove concellos, a maioría do Salnés, forman parte do padroado do campo de Meis, na comarca temos a Variante Espiritual e a Ruta do Pai Sarmiento e queremos poñelos en valor».
Co terreo de xogo meisino como oportunidade, a elección do golf obedece a datos obxectivos que Giráldez sostivo na presentación do circuíto: «O asociado ao golf é un turismo de calidade, de gasto máis elevado, de maior número de pernoctas e que supón un forte motor económico», con derivadas non só hostaleiras e hoteleiras, senón mesmo inmobiliarias, sinalou. Vectores que encaixan como anel ao dedo nos obxectivos que a Mancomunidade do Salnés persegue en materia turística para a comarca, recordados pola súa presidenta: «Desestacionalización e incremento do número de turistas, do seu tempo de estadía e do gasto medio» nos concellos da zona.
O director deportivo do campo de golf de Meis, Manuel Fernández, informou dos detalles do circuíto. Unha proposta que arrincará o 6 de maio no Oporto Golf Club, para proseguir dous días despois no Estela Golf Club de Braga, continuando no Golf Axis Ponte de Lima o 15 do mesmo mes antes de dar o salto a Galicia o 12 de xuño no campo de Mondariz. As instalacións da Fundación Monte Castrove en Meis acollerán o quinto torneo o 24 e 25 de xuño, completando o circuíto o 8 e 9 de xullo no Aeroclub Santiago. Con catro categorías, dúas para xogadores con hándicap, unha de scratch e unha feminina, os tres mellores das dúas primeiras e os dous das restantes xogarán a final do 10 de setembro en Meis.
Os organizadores calculan reunir entre 100 e 150 xogadores en cada un dos seis torneos do circuíto, que optarán a moitos e variados premios. Entre eles, unha viaxe a un campionato de golf nas Azores. Os interesados poderán anotarse en cada cita desde unha semana antes de cadansúa datas a través do campo de golf en cuestión.
O campo de Meis busca achegarse á comarca ofrecendo bautismos de golf a través dos Concellos
O presidente da Fundación Monte Castrove, ente xestor do campo de golf de Meis, subliñou a particularidade do Circuíto de Golf Camiño Portugués de Santiago de Compostela: «Este circuíto é o primeiro que se realiza en Galicia seguindo o Camiño de Santiago desde Portugal». Unha iniciativa que, explicou onte José Ramón Vidal, «xorde da nova etapa da Fundación» aberta coa elección da súa actual directiva. Unha etapa na que quere abrir o campo de golf á sociedade da súa contorna e vencellar ambas.
Vidal lembrou como os concellos que forman parte do padroado financiaron a construción do terreo de xogo do Monte Castrove, unha aposta que agora queren compensar coa posta en marcha dun «paquete de accións sociais» no que sobresae a posta a disposición das asociacións, familias, colexios e empresas da zona de «bautismos de golf». Experiencias dirixidas polo profesorado do campo de Meis coas que a Fundación Monte Castrove pretende «socializar o golf» e que prevé ofertar a través dos concellos que integran a instalación deportiva.
Coa mesma idea, e máis aló de confiar en que o circuíto onte presentado teña continuidade no tempo, José Ramón Vidal adiantou máis plans de achegamento á sociedade: «No futuro faremos novos torneos relacionados co tecido produtivo da comarca». O máis maduro, o que en outubro se organizará xunto con catro adegas do Salnés.