Melide inaugura unha exposición para conmemorar o trinta aniversario da Festa do Melindre
VEN A GALICIA
A cita reposteira terá lugar a vindeira fin de semana
30 abr 2022 . Actualizado a las 05:05 h.«30 anos de doces» é o título da exposición conmemorativa do trinta aniversario da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, que se celebrará na capital comarcal a próxima fin de semana. A mostra, aberta no cantón de San Roque, está estruturada en cinco bloques que recollen dende as palabras do escritor Xosé Vázquez Pintor como primeiro pregoeiro da festa, ata imaxes históricas que testemuñan a tradición reposteira da vila, pasando polas características dos doces que a fan singular: melindres, ricos e amendoados.
«É un pequeno percorrido polo produto, polo oficio, polas orixes [...] porque hai moita historia», dixo, na inauguración da exposición, Xosé Igrexas, edil de Promoción Económica, departamento encargado da organización da Festa do Melindre. O alcalde, José Manuel Pérez, e outros membros do bipartito local tamén asistiron ao acto, ademais dunha representación do PP melidense, con Dalia García á cabeza, os rexedores de Arzúa e de Santiso, José Luis García e Manuel Adán, e o presidente da asociación melidense de reposteiros, Alberto Rodríguez, entre outros representantes de tamén colectivos locais.