A Fundación Pondal dará visibilidade ao Castro Verde cun roteiro comentado, mañá
VEN A GALICIA
A saída está fixada para as 11.00 horas, dende a sede da entidade, no Couto, en Ponteceso
29 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A Fundación Eduardo Pondal ten deseñado polo Val Nativo do bardo un novo roteiro que trata de divulgar. Para iso, e comentado por expertos literarios, arqueolóxicos, etnógrafos, ornitólogos ou historiadores, percorrerase mañá, sábado, con saída da sede da fundación, no Couto, Ponteceso, ás 11.00 horas. Miguel Mato, Evaristo Domínguez, Xoán Fontaíña, Fran Brea, Adrián Méndez, Paula Blanco e Benito Vilas intervirán nesta saída que, coa colaboración do Concello, ten como fin darlle visibilidade ao Castro Verde, o Castro de Cerezo, ao cal o feito de ter sido cantado por Pondal o converte en único. No horizonte, a aspiración de que sexa declarado como un Ben de Interese Cultural (BIC), coa correspondente oficialización e sinalización deste percorrido que xungue literatura, sendeirismo, historia, natureza...
Ao pé do castro verde é o nome deste roteiro, parte dun proxecto máis amplo que ten como fío condutor ao autor do Himno, quen a través dos seus poemas guía ao visitante por terras da pequena Ponteceso, «entre agras, carballeiras e devesas». Todo, ao pé dese castro de Cerezo, «xoia da Idade de Ferro aínda por descubrir», e por escavar, coa súa muralla en perfecto estado. En torno a eses versos artellouse este roteiro circular, doado de facer a pé ou en bicicleta. Algúns datos: hora e media de duración, 5 quilómetros totais, e paso preto dos núcleos de poboación de O Couto, Cerezo e A Brixería.