Vilagarcía e O Grove celebran hoxe a festa mentres que Cambados fíxoo onte
01 may 2022 . Actualizado a las 13:51 h.Chegou O Maio por maio e o amarelo volve conquistar a paisaxe, non só nos montes. Este mediodía, as flores vestirán tamén o asfalto grazas ás actividades programadas polos concellos de Vilagarcía e O Grove logo do parón obrigado pola pandemia.
En Cambados adiantáronse ao calendario e a festa celebrárona entre o venres e o sábado. Primeiro, a conta dos alumnos dos colexios do municipio, e onte, a cargo dos grupos Xironsa, Con de Xido, Volandeira, O Batuqueiro e as anpas da Pastora e o Vagalume.
A iso das seis da tarde saíron do Concello desfilando cos maios e logo interpretaron no parque de Torrado as coplas compostas para a ocasión, como fixeron os cativos e os maiores do centro de día na xornada do venres. «Era unha tradición que cumpría recuperar», apunta o concelleiro de Cultura, Tino Cordal, quen valorou a experiencia como un «éxito».
O tempo axudou e seguirá axudando hoxe para gozar da tradición dos maios en Vilagarcía e no Grove. No primeiro caso, a cita é no parque Miguel Hernández, a partir das 11.30 horas, onde o «malliño maaaio» volverá a soar con forza acompañado de golpes de paus e chascarraschás de cunchas. Inscribíronse 41 composicións florais de 16 participantes. 12 maios cónicos, 11 artísticos, 6 caixas, 8 cruces e 4 barcos, presentados tanto por colectivos como por particulares. Este ano toman parte as anpas dos colexios Arealonga, Doutor Fleming, A Escardia e San Francisco xunto co CEIP de Rubiáns, o Centro EEJ de Guillán e a residencia de anciáns Divina Pastora, ademais de varios grupos de particulares e persoas a título individual. A interpretación das coplas arrincará ao mediodía e os maios quedarán expostos ata as 20.30 horas. Todos os participantes reciben unha axuda económica que oscila entre os 30 e 150 euros, en función do número de integrantes. Tamén serán agasallados con rosca.
En Vilagarcía non haberá competición. Si haberá concurso no Grove, onde se establecen tres premios para cada un dos participantes nas categorías de maios tradicionais, artísticos e coplas, que van desde os 30 aos 150 euros. As actuacións comezarán ás 12 horas na praza do Corgo.
A festa dos Maios é unha das celebracións populares e con maior tradición que existen en Galicia. De orixe pagán, serve para celebrar a chegada da primavera e do período de sementar, dando as grazas polas colleitas e froitos recibidos da natureza. A modo de ofrendas elabóranse as composicións florais, chamados maios, que, co paso de tempo, foron adaptándoos ás características e singularidades de cada territorio.