Patrocinado por

A troita chega en Oroso acompañada de música, artesanía e obradoiros

La Voz

VEN A GALICIA

Sandra Alonso

A cita gastronómica celebrarase do 6 ao 8 de maio

02 may 2022 . Actualizado a las 04:55 h.

Do 6 ao 8 de maio • Sigüeiro (Oroso) • A Festa da Troita de Oroso regresa despois de dous anos de parón obrigado pola pandemia. Faino coa pretensión de converterse non só en referente gastronómico, senón tamén do ocio. A troita chegará acompañada de música, campionatos de pesca, obradoiros e feira de artesanía.

As orquestras Panorama e Marbella encargaranse o venres pola noite de abrir a festa. O sábado haberá campionato de pesca de adultos, obradoiros infantís e inaugurase a feira de artesanía. A música nesa segunda xornada poñerana as asociacións folclóricas Lembranzas do Tambre e Buxos Verdes. O cartel complétase coas orquestras Olympus e Miramar.

Xa o domingo, xornada central desta vixésimo cuarta edición da Festa da Troita, celebrarase o campionato de pesca infantil. As charangas Os Atrevidos e Os Celtas poñerán música as rúas. Non faltará a degustación de troitas, tanto nos bares colaboradores coa cita gastronómica como na Alameda de Góis. Despois, será a quenda do pregón e entregaranse os premios. A orquestra Costa Dorada será a encargada de animar a sesión vermú e repetirá na verbena xunto ao grupo Leilía.

O alcalde de Oroso, Luis Rey, tamén lembrou durante a presentación desta nova edición da Festa da Troita que ás actividades da cita gastronómica hai que engadirlle que «Oroso é natureza, gastronomía e hospitalidade, sempre é un bo momento para saborear a troita e pasear polos sendeiros naturais do municipio».