Patrocinado por

Os libros e o seu prodixio de «espertar a imaxinación» toman a Alameda compostelá

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

O pregón da escritora Berta Dávila abriu oito días de feira en Santiago

02 may 2022 . Actualizado a las 21:54 h.

Despois de mirar entre varios exemplares dunha das nove casetas da Feira do Libro na Alameda, unha cativa decidiu levar para a casa Los 10 mejores casos de Sherlock Holmes, que vén acompañado dunha lente. Precisamente, nesa escolla de lecturas, no desexo de ler un libro, remontándose á primeira vez que foi ela a que escolleu unha obra cando tiña oito anos, baseou a escritora compostelá Berta Dávila o seu pregón para abrir esta nova edición da cita feiral que acumula varias décadas de celebración e que terá continuidade ata o domingo. «Non sei se deberíamos investir moito tempo en pensar cal é a mellor maneira de convencer a unha nena para que lea, se cadra trátase de conseguir que nos convenza ela a nós para que lle merquemos ese libro que quere tanto. Oxalá que algunha nena sexa capaz diso nesta feira», afirmaba a autora.

Durante a súa intervención, Berta Dávila resaltou que un libro «non esperta a memoria, senón a imaxinación, de aí o seu prodixio». E engadiu que «a literatura debería ter algo máis que ver co desexo que coa necesidade, debería ter algo máis que ver coa emoción inexplicable que coa conveniencia de ler. Eu confío no seu poder e no seu valor máis que na súa utilidade», afirmou, antes de desexarlle a todos «felices aventuras».

Abría así unha feira que, despois das dúas últimas edicións marcadas pola pandemia, recupera máis a vella normalidade. Esa que devolve de novo aos autores e autoras ás casetas para asinar exemplares. Onte pasaron unha decena a firmar as súas últimas creacións, caso da propia Berta Dávila, que presentaba Os seres queridos, aínda que pola mañá xa dedicou varios exemplares de Un elefante na sala de estar. «Isto xa se asemella ao que eran hai un tempo as feiras do libro. Dá gusto estar de novo cos autores e sen restricións», afirmou Lola Puerta, da libraría Aenea, unha das participantes xunto a Cronopios, Cortizas, Agrasar, Ler, A Gata Tola, Pedreira e Numax, ademais da editorial Galaxia. Tamén Antón Pedreira, da libraría Pedreira, que conta con ampla experiencia nas feiras, resaltaba a importancia de contar de novo cos autores nas casetas. Iso si, cuestionaba que nesta edición se iniciase a feira na xornada dominical e non un sábado como adoitaba ser o habitual.

O presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Manuel Domínguez, precisamente, resaltou na inauguración esa volta á normalidade con máis de 70 actividades previstas ata o vindeiro domingo entre sinaturas, presentacións, conversas e propostas para a cativada. «É recuperar o pulso que debe acompañar a toda feira literaria», afirmou. Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, fixo fincapé na importancia das feiras do libro xa que «son unha das estratexias mellores de promoción da lectura», sacando os libros do seu hábitat para poñelos na rúa. Tanto o representante da Xunta como o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, resaltaron o bo momento da creación literaria en Galicia. «A produción literaria en galego é dunha calidade extraordinaria e dunha cantidade notable», afirmou o rexedor. Tanto o conselleiro como o alcalde animaron a adquirir libros e á lectura. Despois da inauguración deron exemplo comprando varios exemplares e incluso recomendándose lecturas. No acto inaugural participaron tamén reperesentantes de Asociación do Traxe Galego, así como representantes de distintos partidos na corporación municipal e o secretario xeral de Política Lingüística. 

Nas casetas hai grande disparidade de oferta, desde thrillers a traballos de divulgación, de ensaios a propostas para a cativada. Desde Roma soy yo, de Santiago Posteguillo, ou o recente libro Yolanda Díaz, la dama roja, ata diferentes exemplares en torno á figura de Florencio Delgado Gurriarán. Non faltan tampouco títulos de autores composteláns e de diversa temática, como Desde otra historia del arte, de Miguel Ángel Cajigal; Agnes, de Javier Peña; ou Sobrevivindo, de Arantza Portabales, entre outros. Precisamente, este último foi o que escolleu Manuel García, que pola mañá xa acudiu á feira. «Hai que manter as tradicións», asegurou. 

Cinco autores mañá luns

Este luns os autores continuarán pasando pola Alameda para atoparse cos lectores. Ás 12.00 horas Juan Prieto asinará La primera meiga e La sonrisa eterna. Xa pola tarde, ás 18.30 horas, será a quenda de Antón Valcarce, que firmará exemplares de Contos en tempos de peste e purgación. Media hora despois chegará Xesús Manuel Valcárcel, que presentará Luz de sombra. Ás 19.00 horas, Manuel Iglesias Turnes rubricará exemplares de Os soños de Miguel e, para rematar, Llerena Perozo Porteiro estará a partir das 20.00 horas asinando Pérez. Historia dun triunfo. A feira abre ata o día 8 de 11.30 a 14.00 e de 17.30 a 21.00 horas.