A creación de vangarda e o patrimonio sonoro musical abrázanse en Santiago
VEN A GALICIA
O festival Que Non Se Escribe programa concertos, xornadas e un paseo sonoro
03 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.«Dar a coñecer desde as gravacións máis antigas que conservamos do noso patrimonio oral ata o máis vangardista, o máis moderno, como as propostas que partindo deses arquivos lle dan unha volta máis alá para facer proxectos contemporáneos». Ese é o obxectivo do festival O Que Non Se Escribe. Arquivos sonoros e creación contemporánea, segundo explicou a súa directora, Aitana Cuétara. Para iso a cita programa do 12 ao 15 de maio concertos musicais, unhas xornadas e un paseo sonoro centrado neses arquivos e que estará dispoñible ata finais de mes.
O encontro, que acada a súa segunda edición, pon o foco no patrimonio sonoro musical, nas cuestións que preocupan aos artistas que traballan con estes arquivos tradicionais e, ao mesmo tempo, achega espectáculos ao vivo que son unha mostra de proxectos arredor desa música tradicional recollida. Precisamente, os concertos comezarán o día 12 co espectáculo Paradís, das artistas baleares Joana Gomila e Laia Vallés (Casa das Crechas, 21.00 horas), no que o cancioneiro de Mallorca se xungue con sons electrónicos, jazz e improvisación. O venres 13 terá como protagonistas a Los Sara Fontán & Amorant, que ofrecerán So(son), un espectáculo que propón escoitar sen ver (Fundación SGAE, 20.30 horas). A única iluminación chegará das lanternas que portarán os intérpretes, mentres que o público disposto en círculo escoitará a escuras. Ibán Urizar (Amorante), Sara Fontán e Edi Pou ofrecen nese contexto desde música tradicional ata trap con autotune.
Os concertos desta segunda edición pecharanse o día 14 con dúas propostas no Teatro Principal compostelán. Anna Ferrer presentará un espectáculo dirixido por Nicho de Elche no que une creación contemporánea e tradición para achegar tres olladas diferentes dos cantos tradicionais das Baleares. O peche será co dúo occitano Cocanha, que parte do repertorio tradicional da súa terra.
Un alalá e a nai de Camarón
Unha das propostas singulares é a segunda edición do paseo que invita a atopar polo casco antigo de Santiago 22 «tesouros sonoros» escondidos en museos, comercios e locais de hostalería, entre outros. Escaneando os códigos QR poderanse escoitar anacos dunha recolla de música tradicional. Neses «tesouros» a peza máis antiga incluída é un alalá de Betanzos recollido en 1919 e o máis moderno data de 2011, cun informante que aínda vive e que está previsto que participe nun dos percorridos guiados. Pero neses arquivos tamén se inclúe un da nai de Camarón cantando no patio da súa casa nos anos 70.
O Que Non Se Escribe garda espazo para a reflexión e a aprendizaxe. Neste último apartado inclúense clases a cargo do zanfonista catalán Adrià Grandia. E no ámbito da reflexión, o día 12 haberá unha palestra onde se presentarán catro proxectos innovadores: Caamaño & Ameixeiras, CRNDS, Andrés Rodrigues e Litaina. Ao día seguinte, o venres, está programado un debate sobre a autoría, a privacidade e a protección de datos dos arquivos de música tradicional e a necesidade dun arquivo común. «O arquivo da música tradicional está practicamente en mans privadas e falta por dixitalizar todo, de catalogar e poñelo ao acceso de todo o mundo», afirmou Aitana Cuétara, que presentou a actividade acompañada dos concelleiros de cultura e turismo de Santiago, Mercedes Rosón e Sindo Guinarte, respectivamente; e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Rosón resaltou que o festival é unha proposta que vai alén da música e García incidiu no papel que xoga na difusión da cultura galega.