Escenas do Cambio abre o xoves coa estrea do «Hamlet» burlón de Voadora e a ollada ao rural de Mateo Feijóo
VEN A GALICIA
O festival programa ata o domingo unha quincena de propostas, oito delas será a primeira vez que se poidan ver
03 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Quince experiencias escénicas marcadas pola vangarda, pola experimentación. Dunha nova versión de Hamlet a un concerto ao amencer, dunha viaxe a Fisterra a unha achega á memoria nese medio rural que esmorece, de pezas feitas especificamente para os espazos do Gaiás á lembranza dun espectáculo de María Casares. Unha variedade de propostas que desde este xoves ata o domingo chegan con Escenas do Cambio, o festival de teatro, danza e arte en acción, unha cita impulsada pola Xunta de Galicia a través da Cidade da Cultura.
Esta oitava edición programa oito estreas absolutas ás que hai que engadirlle outras catro montaxes que se poden ver por primeira vez en Galicia. Una das propostas de referencia chega da man de Voadora, a compañía compostelá. Ofrecerá a estrea absoluta de Hoax Hamlet (20.00 horas, no Centro Gaiás). «É unha reflexión en forma de fábula sobre a arte, a forma de facer arte e sobre como cambiamos nós como creadores nestes 15 anos», asegurou Hugo Torres, que dirixe a peza e tamén se encarga da dramaturxia xunto a Fernando Epelde e Diego Anido. Neste Hamlet burlón toman a escena eses membros do equipo da compañía que habitualmente non se soben ás táboas, nunha homenaxe ao equipo técnico e ás persoas que traballan con eles. A escenografía é Marta Pazos.
Nese primeiro día tamén chegará a estrea da peza de Mateo Feijóo, Sons do esquecemento ou A navalla do tempo, unha instalación con fotografía e son despois de que o creador se trasladase ao pobo ourensán de Vilar, na Baixa Limia. O resultado é un traballo sobre a memoria e unha ollada a ese medio rural que esmorece. Pero antes, pola mañá, abrirase unha mostra sobre María Casares, coa que o festival rende homenaxe á actriz no centenario do seu nacemento. Seguiralle un coloquio para reivindicar o carácter desta pioneira e referente do teatro e nel participarán a autora da súa biografía Anne Plantagenet, o director e actor teatral Lluís Pascual e o guitarrista Pedro Soler, que revivirá a actuación que tivo con María Casares en 1989.
Propostas vinculadas ao espazo
O festival conta nesta edición con varias propostas que foron deseñadas especificamente para o Gaiás. Este é o caso de (Raíz de dos), de Nieves Correa e Abel Loureda, que abrirá a segunda xornada do festival (Cidade da Cultura, 18.00 horas). Seguiralle outra estrea, a de Mu-Danza, unha muller que camiña, de Merce de Rande (19.30 horas, Museo Gaiás). O peche será cun solo de danza da portuguesa Tânia Carvalho, Grasped by Intuition (21.30 oras, Salón Teatro).
O sábado abriráo o compostelán Miguel Ponce de León con Veneficio (de lo cotidiano y cómo remediarlo), unha obra de teatro-ensaio que mestura o monólogo teatral coa maxia. Despois o foco ponse sobre a dramaturxia galega, cunha peza elaborada para Escenas do Cambio por Helen Bertels, Gena Baamonde, Helena Varela, Ana Abad de Larriva e Ana Vallés. Escenas (Con)Textualizadas propón un percorrido singular polas entrañas do Gaiás (19.00 horas, Museo Gaiás). O sábado pechará con Hammaturgia, da Sociedad Doctor Alonso (21.30 horas, Gaiás).
E para despedir esta edición de Escenas do Cambio chegarán cinco propostas o domingo. Comezarán moi cedo cun concerto á alba do músico galego Ramón Souto. Nihil chegará ás 6.30 horas ao campo do Gaiás. Seguiralle unha peza teatral moi singular, que é unha viaxe en autobús desde Santiago ata Fisterra. ¿Qué es el agua? é outra das pezas deseñadas para dialogar co espazo. Trátase dunha obra de Marc Caellas e Esteban Feune de Colombi, da compañía La Soledad.
Xa pola tarde, agardan tres citas máis. Abrirá a compañía francesa Compagnie Man Drake / Tomeo Vergés con Que du bonheur (?) Moi, Antonio M. (17.00 horas, Museo Centro Gaiás). Despois, tomará o relevo Teatro La Usina, que ofrecerá unha revisión da súa primeira obra, Waterclose (Preto da auga), que sitúa a unha muller encerrada nun váter (19.00 horas, galería de servizos Gaiás). O peche será coa recoñecida actriz e dramaturga pioneira Sara Molina, que tamén representará unha peza pensada para o espazo do Gaiás denominado OUTsideINsideOUTside (20.30 horas, edificio Cinc).
Pezas de tres países e unha decena de creacións galegas
Nesta oitava edición de Escenas do Cambio, que dirixe Lola Correa, participan compañías e artistas de tres países diferentes. Así, tamén haberá creacións chegadas de Francia e Portugal. Iso si, aínda que hai representación doutras partes de España, Galicia terá un especial protagonismo ao estar detrás de dez das propostas que se ofrecerán. As entradas xa están á venda no Museo Gaiás e en Ataquilla.com. Os prezos oscilan entre os 5 e os 15 euros, e hai abonos por 25 euros. Hai varias citas de balde previa retirada de invitación.