Patrocinado por

Tecnoloxías tradicionais da castaña e do viño recuperadas en Quiroga

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

VEN A GALICIA

A escolledeira usábase para separar as castañas secas enteiras das que estaban partidas en anacos
A escolledeira usábase para separar as castañas secas enteiras das que estaban partidas en anacos

O museo etnográfico municipal acaba de incorporar á súa colección dous singulares instrumentos, unha escolledeira e unha estrulladora 

03 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O museo etnográfico municipal de Quiroga acaba de incorporar aos seus fondos dous antigos instrumentos que se utilizaban respectivamente no procesamento das castañas secas e na elaboración do viño. A primeira destas pezas —denominada escolledeira— é considerada especialmente importante polos responsables do centro e foi cedida por un veciño da localidade de Soldón da Seara. «Hoxe é moi difícil encontrar unha ferramenta deste tipo e a que nos cederon está nun perfecto estado de conservación», din.

A escolledeira utilizábase na última fase da preparación das castañas secas segundo o sistema tradicional da comarca e a súa finalidade consiste en separar os froitos que se manteñen enteiros dos que están partidos en varios anacos. O intrumento consiste nunha plataforma de madeira de en torno a 2,5 metros de lonxitude, montada sobre catro patas e pechada con barreiras por todos os lados excepto por un. No medio da plataforma hai un oco rectangular tapado cunha malla de arame que sirve de peneira.

Proceso de separación

Segundo explican os responsables do museo, as castañas depositábanse nun extremo da escolledoira e facíanse rodar sobre a superficie coas mans ou coa axuda dun rodo. Ao pasar sobre a peneira, os anacos das castañas rotas caían sobre un cesto situado baixo a plataforma. Os froitos que se mantiñan enteiros eran empurrados ata o outro extremo da escorredoira para que caesen nun cesto diferente.

Antes de pasar pola escolledeira, as castañas sécanse con fume nun sequeiro durante uns vinte días. Despois vén a pisa, que consiste en golpear as castañas —gardadas en sacos— contra un pisón ou cepo a fin de separar as cascas dos froitos. A separación complétase sacudindo as castañas nunha bandexa de gran tamaño, denominada bandoxo. «Ata agora tiñamos todos os instrumentos usados nas demais operacións pero faltábanos a escolledeira», din desde o museo.

O museo exhibe unha estrulladora para prensar as uvas
O museo exhibe unha estrulladora para prensar as uvas

O centro tambén acaba de incorporar aos seus fondos unha estrulladora de uvas feita integramente en madeira, cedida por un veciño de Quiroga. «Podería ser un prototipo das estrulladoras mecánicas que se utilizan hoxe para prensar as uvas nas adegas», sinalan.

Futura ampliación

O Concello Quiroga, por otro lado, ten previsto un proxecto para ampliar o museo etnográfico municipal, algo que xa se fixo previamente co museo de xeoloxía. Os dous centros constitúen unha importante parte da rede museística do xeoparque Montañas do Courel. Os primeiros traballos que se levarán a cabo dentro deste plan foron incluídos recentemente no Plan Único da Deputación, pero aínda non teñen marcada unha data concreta de inicio. O alcalde, Julio Álvarez, precisa que por agora só se realizará unha primeira fase, xa que o proxecto completo terá un custo total de en torno a 200.000 euros. «O Concello non ten recursos como para acometer todo o proxecto dunha vez, así que haberá que ir por partes», apunta o rexedor.