O Teatro Lauro Olmo de O Barco abre a grande mostra sobre Florencio Delgado Gurriarán
VEN A GALICIA
A exposición, producida por Galaxia, percorre a vida e a obra do homenaxeado
04 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A grande exposición sobre Florencio Delgado Gurriarán —o autor a quen se homenaxea este ano no Día das Letras Galegas— abre as súas portas esta tarde no Barco de Valdeorras, no Teatro Lauro Olmo. Florencio Delgado Gurriarán. Bebedoira de ensoños é un proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta, producido pola Editorial Galaxia con Ricardo Gurriarán como comisario.
A mostra divídese en quince paneis explicativos que percorren a vida do homenaxeado. Inclúe ademais unha selección de obxectos persoais do autor, que foron cedidos para a ocasión pola súa familia. Neses paneis repásase a traxectoria vital de Delgado Gurriarán, o que permite que o visitante acade unha visión rigorosa e completa da figura deste autor valdeorrés.
Os obxectos persoais —entre outros, cartas que lle escribiron persoeiros como Otero Pedrayo ou Castelao, borradores de poemas ou publicacións orixinais— están expostos en mesas vitrina, o que permite achegarse á obra literaria para comprender o legado do protagonista do Día das Letras Galegas 2022.
Esta exposición súmase a outras iniciativas editoriais de Galaxia, que sacou a luz obras de Florencio Manuel Delgado Gurriarán como Bebedeira, Galicia infinda, O soño do Guieiro ou a Antoloxía poética, recentemente publicada. A Editorial Galaxia tamén publicou e reeditou obras sobre a vida do autor, como foron os libros de Xesús Alonso Montero, Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética, ou de Ricardo Gurriarán Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista. E tamén hai un libro sobre el na colección Lectura Fácil: Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo, da autora Lucía Gómez Álvarez.
A exposición que hoxe (19.00 horas) se inaugura terá carácter itinerante e neste mes de maio pasará non só por O Barco de Valdeorras senón que tamén se deterá en Ourense e en Santiago de Compostela.