O músico Pakolas e a compañía Malasombra, entre os convidados
03 may 2022 . Actualizado a las 14:35 h.Arrancou o mes das letras por excelencia e os concellos de Barbanza apuran os preparativos das súas actividades para a conmemoración do 17 de maio. En Lousame xa está lista a vixésima edición da Festa do Galego, una cita que, a diferenza de outros anos, se desenvolverá o día 15 ao aire libre, na praza Teodomiro Hidalgo. Incluirá diversas actividades, como música, contos e teatro.
Un dos pratos fortes chegará ao mediodía da man de Pakolas, que desembarcará en Lousame con Cores, contos e rock and roll con Ramona Órbita, un espectáculo que fusiona música e narración, completándose coas ilustracións en directo de Laura Romero. Ademais, o grupo local O Son do Pote ofrecerá un concerto de música tradicional ás 17.00, que dará paso á compañía de teatro Malasombra, que representará Habeas corpus, unha comedia destinada ao público de todas as idades.
A festa incluirá xogos e obradoiros culturais para os cativos, que se desenvolverán entre as 11.00 e as 12.00 e de 17.00 a 20.00 horas. E durante toda a xornada permanecerán instaladas na praza dúas exposicións elaboradas polo departamento municipal de Cultura. Unha delas xira ao redor da figura de Florencio Delgado, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas, mentres que a outra está orientada a facer visible a vida e a obra de Diego Antonio Zernadas de Castro, para que o Concello vén reivindicando desde hai tempo un 17 de maio.
A asistencia a estas actividades será libre e gratuíta. En caso de que poidan celebrarse na praza poderán asistir unhas 300 persoas, pero se chove e teñen que ser trasladadas á casa de cultura, o aforo é de 90, polo que só podería acceder aqueles que tivesen feito a reserva a través de bandotiket.com.