A inauguración é o sábado 21 de maio cunha andaina solidaria a favor de Amipa
07 may 2022 . Actualizado a las 00:12 h.A Casa de Rosalía en Padrón acolleu este xoves a presentación da ruta de sendeirismo que leva o nome da escritora e que está inspirada na súa obra En las orillas del Sar. Á presentación asistiron os alcaldes dos Concellos de Padrón, Rois e Dodro, que promoven a ruta, xunto co presidente da Fundación Rosalía de Castro e os concelleiros de Cultura da capital do Sar e de Dodro.
A ruta, que é circular e ten 15 quilómetros, inaugurase de forma oficial o día 21 deste mes cunha andaina solidaria a favor da Asociación de Nais e Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual da Comarca do Sar (Amipa). As persoas interesadas en inscribirse nesa andaina xa poden facelo a partir de hoxe na web Emesports, pagando unha cuota de 3 euros aínda que a participación é gratuita ata os 13 anos, incluidos.
A senda é practicamente plana e ten no monte Santiaguiño de Padrón o único punto elevado. Transcorre na súa maior parte polas beiras dos ríos Sar e Rois e pasa por algúns dos lugares importantes na vida e obra de Rosalía de Castro. «Con esta ruta pódese evocar a Rosalía, ten grande interese literario, paisaxístico e histórico», sinalou o presidente da fundación rosaliana, Anxo Angueira. Este agradeceu aos Concellos que atendese a proposta feita hai dous anos pola fundación de crear a ruta.
Así, a proposta da fundación con este sendeiro é «evocar a figura de Rosalía de Castro máis padronesa, máis das Terras de Iria, a través dun roteiro que se complementa con outros puntos de interese que cada Concello quixo resaltar», en palabras de Anxo Angueira.
A ruta arranca no Paseo do Espolón de Padrón, xunto ao monumento á escritora e, na capital do Sar, pasa por algúns dos seus puntos máis emblemáticos, como o monte Santiaguiño, a igrexa de Iria-Flavia, o cemiterio de Adina ou a Casa-Museo de A Matanza. Tras deixar atrás terras padronesas, o sendeiro entra en Dodro, pasando moi preto das Torres de Hermida, intimamente relacionadas con Rosalía. A fonte de Santa María, onde a escritora iniciaba moitos dos seus paseos, é outro dos puntos de paso antes de ir cara o monte Santiaguiño.
En Rois, transcorre pola zona do Fondóns, onde o Concello colocou unha placa no ano 2021 co poema que menciona o lugar. Neste sentido, o alcalde Ramón Tojo destacou a participación neste proxecto do artista Camilo Seira, autor da imaxe da ruta (unha folla de figueira coa estrela de Rosalía) e dunha ponte viva nos Fondóns. Tamén destacou o traballo do canteiro de Rois José Conde, que fixo as pedras que serven para sinalizar a ruta e que inclúen na parte superior a folla da figueira en cor morado. «A punta da folla indica a dirección que deben tomar os camiñantes», dixo Tojo.
Tanto Padrón como Rois construíron pasarelas de madeira para sortear algúns pequenos regatos polos que pasa a ruta que, dende Padrón, chega ata a praia fluvial de Seira para volver a baixar pola outra marxe do río ata Iria-Flavia.