Justo Portela, arquitecto: «O albergue de Diomondi está cheo de sitios máxicos»
VEN A GALICIA
Justo Portela conta os retos que supuxo a transformación en albergue desta vella casa reitoral no Saviñao
08 may 2022 . Actualizado a las 11:49 h.Justo Portela é o arquitecto responsable da rehabilitación da casa reitoral de Diomondi e a súa transformación nun albergue para peregrinos. Profesional de ampla experiencia neste tipo de proxectos, Portela interveu tamén no plan de rehabilitación na Tinería, en Lugo, é integrante do Comité Internacional dos Monumentos e os Sitios (Icomos) e traballa como arquitecto da oficina de rehabilitación de Vilalba
—Rehabilitar un edificio coa historia da rectoral de Diomondi é todo un reto, pero facelo para transformalo nun edificio de servizos debe ser aínda máis difícil.
-Si, é complexo porque hai que partir de que se trata dun edificio que ten unha lectura arquitectónica moi potente. Hai que propoñer unha solución para unha demanda que che fan, pero sen deturpar o que é a imaxe do edificio nin a súa historia. De feito, a intervención que fixemos en Diomondi está feita de tal maneira que todo o material engadido se pode quitar e deixar o edificio como estaba. Mantéñense os pavimentos históricos, as tumbas medievais, nada da historia do edificio foi alterado. Cando camiñas polo seu interior vas atravesando muros de grandísima potencia, algúns de dous metros de grosor. O edificio actual son en realidade dous: está a casa forte que foi moi alterada ao longo do tempo, que é a que está ao carón da igrexa pola portada, polo alzado oeste; e despois temos outra casa torre que vai por detrás, na zona da ábsida da igrexa, non pegada senón lixeiramente separada, máis pequena que a primeira, pero con muros tamén moi grosos. E no medio, onde están as escaleiras, é como se alguén decidise nalgún momento cubrir ese espazo para unir os outros dous. O conxunto conta unha historiA concatenada, desde a primeira ocupación ata o día de hoxe.
—E todo se conservou nesta rehabilitación.
—Incluso pinturas que non teñen valor histórico ningún, pero que as conservamos porque son un elemento máis da historia do edificio. Non fixemos por conservar só o que é catalogable polo valor que poida ter, senón que fixemos por conservalo todo. Esas pequenas cousas son tamén as que lle dan carácter, se as quitas desconectas a historia por cachiños que é ese edificio. O que agora é o albergue de peregrinos de Diomondi é un ente único que se foi elaborando ao longo da historia, tanto cando foi cárcere, como cando foi un lugar de cobro de diezmos ou cando serviu de residencia da curia lucense. Intentei que non desaparecese nada de toda esa historia e que se alguén algún día quere recuperar o edificio para outra función o poida facer
—Algunha das tumbas encontradas no edificio quedan xunto a un dos dormitorios do novo albergue. Houbo debate sobre iso entre os que participaron no proxecto?
—Toda esa zona é unha necrópole. Hai sepulturas relativamente recentes, nun cemiterio que está no lado norte da igrexa e tamén moito máis antigas. Na ábsida apareceron tumbas antropomorfas escavadas na propia rocha e que son anteriores á igrexa, porque a fábrica románica se construíu por riba delas. E dentro do espazo do albergue, nunha habitación que está a carón da ábsida da igrexa tamén apareceron tumbas. En contacto coa Dirección Xeral de Patrimonio e coa arqueóloga Sonia García decidimos deixalas.
—O traballo arqueolóxico que se fixo durante as obras permitiu entón atopar cousas que non se coñecían?
—Si. Todo figura na documentación do final da obra. A medida que avanzabamos no traballo foron aparecendo cousas, como por exemplo unhas fábricas impresionantes xunto ao pombal cun muro de 1,80 metros de grosor, cun recanto perfectamente labrado e que son anteriores á que se ve agora.
—Non tiveron que sacrificar nada para facer a obra?
—Non, alteramos cousas do proxecto para evitar facelo. Cousas como a drenaxe perimétrica, á que lle houbo que facer varias saídas porque nos atopamos con muros que non se vían en que optamos por non alterar.
—Probablemente o espazo máis espectacular do interior do albergue sexa a cafetería, esa terraza con vistas á fachada lateral da igrexa románica anexa á casa reitoral.
—É o máis espectacular porque entras e ves a fábrica románica nun escorzo moi potente. Ves a súa potencia desde abaixo. Pero ademais unha vez que sobes ao primeiro andar, onde está a cafetería, velo a metade de altura. E é moi raro ver a media altura unha fábrica románica desta envergadura. Os que estean nesa cafetería van ver esa parede coa perspectiva coa que a viu o canteiro que traballou nela. Creáse ese dobre ambiente de abaixo e arriba e, claro, tes un espazo dunha potencia moi grande. Pódeste asomar a ese dobre espazo con esa altura e recuando tres ou catro metros xa estás sentado nunha butaca ao sol da tarde. É un espazo con moitas posibilidades, pero hai outros. Nos cuartos que dan ao lado norte hai ocos que case che permiten durmir no espazo das ventás. O albergue de Diomondi esta cheo de sitios máxicos.
—Con quen traballou neste proxecto?
—Nunha actuación así todo o mundo é moi importante. Ademais da arqueóloga Sonia García, que fixo un traballo impresionante, tamén foi moi importante o papel da restauradora Marién González e a axuda inestimable de Isaac Varela como director de execución. E sen esquecer o apoio da administración pública. Cando traballas cun edificio como este moitas veces hai grandes diferenzas entre o que pensas e proxectas nun primeiro momento e o que acabas facendo. Podes ir cun proxecto premeditado cando se trata de obra nova, pero non en casos como este de Diomondi. Neste tipo de intervencións un ten que ser tremendamente humilde, non valen os caprichos. Podes resolver cousas con detalles máis ou menos elegantes, pero hai que pensar sempre na funcionalidade e non pretender nunca destacar ti por riba do edificio.