Pano Corado é unha chiscadela «ás persoas LGTBQI+ e ás que non se senten aceptadas por ver ou entender o amor desde unha perspectiva diferente á heteronormativa»
19 may 2022 . Actualizado a las 11:52 h.Este mesmo venres, Tanxugueiras lanzou o seu novo sinxelo, Pano Corado, «un himno no que as cantareiras reivindican o amor libre e a diversidade». Este tema formará parte do seu terceiro disco e xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais, así como pode visionarse o seu videoclip en YouTube.
Con Pano Corado «queremos normalizar o amor e a vida. Queremos derrubar barreiras. Que cadaquén se sinta libre de amar a quen queira, que cadaquén goce do amor, da vida, de si mesma, da súa sexualidade ou da súa identidade como queira», apuntan as pandeireteiras, autoras do tema que co-producen xunto a Iago Pico, de Pouland Studios.
Nestre traballo as pandeireteiras volven a apostar por manter os elementos tradicionais, de tal xeito que a canción alude ao pano, «unha das pezas centrais do traxe tradicional, é o protagonista, transformado nesta ocasión nun pano con todas as cores», precisaron dende PlayPlan Cultural. «Arróupame arquiño vello / arróupame arco corado / rebenta as vellas cadeas dos amores presidiarios», claman Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro no seu novo tema, unha rumba na que queren facer unha chiscadela «ás persoas LGTBQI+ e ás que non se senten aceptadas por ver ou entender o amor desde unha perspectiva diferente á heteronormativa».
As pandeireteiras inciden, neste sentido, no seu interese de achegarse, con esta canción, a todas os nenos que as seguen: «Queremos que saiban e vexan que teñen referentes que as entenden, que as apoian e que celebran a diversidade», engaden ao respecto.
O videoclip
Una vez maís, na elaboración do videoclip, Tanxugueiras colaborou con Trece Amarillo (Diego M. Barcia e Diego Santaclara) e é producido por PlayPlan, «tándem habitual no desenvolvemento das pezas audiovisuais do grupo e que xa foi recoñecido na última edición dos Premios Mestre Mateo ao Mellor Videoclip por Figa», resaltaron dende esta última axencia.
Pano Corado rodouse este mes de maio prácticamente na súa totalidade en localizacións da provincia de Pontevedra, concretamente nas localidades de Marín, Moraña, Catoira, Cangas do Morrazo e Vigo, ademais de na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. O audiovisual «visualiza a través das imaxes a propia mensaxe da canción: unha celebración da diversidade, unha festa emotiva, unha disparidade de momentos que dan boa conta da ampla pluralidade de xeitos de amar, expresións de xénero ou mesmo vivencia das relacións en todas as idades e condicións».
Novo disco e xira
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro volven a amosar a súa capacidade para «reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica. A súa enerxía, a súa contundencia e o seu virtuosismo vocal son os máximos expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como trad».
Aínda que o trío recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, o certo é que impregnan cada tema cun estilo propio, moderno que xa se convertiu nunha marca de identidade. De feito, «aválanas éxitos como Midas, Figa, Averno -colaboración con Rayden- ou Terra, tema co que se alzaron como as favoritas do público no Benidorm Fest. Estes sinxelos, ao igual que Pano Corado, formarán parte do seu novo disco, que verá a luz neste 2022 e que están a presentar co seu potente espectáculo na Xira Midas», concluiron dende PlayPlan.