Vilagarcía revisita a súa ruta da arte cunha mostra colectiva de 19 creadores
VEN A GALICIA
A exposición recupera unha rede coral do 2007 que non tivo continuidade
13 may 2022 . Actualizado a las 23:19 h.Andando o 2007, Vilagarcía tentou poñer en marcha unha experiencia de vocación pioneira. Tratábase de crear unha rede entre os moitos creadores plásticos que traballaban na cidade, fundamentalmente nos eidos da pintura e a escultura. Aproveitar tanto talento para constituír un circuíto no que os artistas puidesen ser visitados nos seus propios estudos. O anzol acadou a forma dunha exposición colectiva e a elaboración dun catálogo coral, coa idea de que tivese un reflexo dixital e fose actualizado a medida que os seus protagonistas o desexasen. Aínda que o proxecto non tivo continuidade, o Concello vén de rescatalo agora, quince anos máis tarde para, cando menos, dar visibilidade a un labor de creación que nunca cesou.
Esta dimensión colectiva dun traballo que, case por definición, agroma dende o íntimo e individual, desenvólvese na Ruta da Arte 2022, unha nova exposición que se inaugura este serán, a partir das oito e media, e reúne a obra de 19 artistas ben coñecidos nos círculos culturais. Xurxo Alonso, Berta Ares, Joam Berride, Olalla Buceta, Manolo Chazo, Elías Cochón Rey, Enrique Conde, Fausto García, Marta Iglesias, Uxío López, Carlos Maño, Vítor Mejuto, Juan Moreno Badía, Guillermo Pedrosa, Miguel Piñeiro, Juan Carlos Platis, Xurxo Romero, Víctor Rúa e Marcela Santorun colgan as súas propostas na sala Antón Rivas Briones ata unha data ben simbólica, o 23 de xuño, noite de entrada ao verán.
«Queremos que sexa un punto de inflexión logo da pandemia, unha escolma da obra que se fai en Vilagarcía e do talento que a crea», subliñou onte Sonia Outón, a concelleira de Cultura, na presentación da iniciativa. «Podemos sentirnos moi orgullosos desta sala, pero máis orgullosos aínda dos nosos artistas», engadiu Outón para ofrecerlle ao alcalde, Alberto Varela, un fío do que seguir tirando. «Temos —dixo o rexedor— que sentirnos moi orgullosos dos nosos artistas, que sempre terán o Concello ao seu carón para a promoción da súa obra».
O mesmo espazo no que se desenvolve a mostra é un resumo do que a vontade dun colectivo con tendencia ao disperso pode conseguir cando se organiza a prol dun mesmo obxectivo. A sala Rivas Briones naceu no 2000, en boa medida grazas á presión que durante anos exerceron os creadores de Vilagarcía.