Patrocinado por

O Museo do Gravado de Artes medra coa obra máis comprometida de Detlef Kappeler

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

VEN A GALICIA

O artista alemán afincado en Muxía cedeulle á sala ribeirense unha selección de estampas da súa primeira etapa

19 may 2022 . Actualizado a las 10:27 h.

Desde a súa apertura, hai máis de dúas décadas, o Museo do Gravado de Artes non deixou de medrar grazas á adquisición de obras por parte do seu fundador, Javier Expósito Paradela. Pero unha doazón vén de incrementar eses fondos, ao tempo que fai posible descubrir a un artista considerado un destacado representante contemporáneo do expresionismo. Trátase de Detlef Kappeler, un alemán afincado en Muxía que decidiu cederlle á sala de Ribeira unha selección das estampas que realizou na súa primeira etapa, obras que, ademais de pola súa calidade, destacan pola temática, crítica e comprometida.

Foi precisamente a confluencia de beleza e compromiso a que destacou o director do museo, Pastor Rodríguez, no acto de inauguración da exposición que lle permite ao público achegarse a preto dun cento de gravados de Kappeler. De explicar polo miúdo as características dos traballos encargouse a comisaria da mostra, Nuria Kolb, destacando que se trata de láminas que no seu día foron pasos previos de proxectos máis extensos.

De feito, á hora de ordenalas nas dúas salas que ocupan, optouse por dividilas en bloques temáticos. Entre os máis destacados, Kolb falou dos traballos que pertencen aos comezos de Kappeler como artista, trala graduación, cando se converteu en cronista dos movementos de protesta da sociedade da época contra a guerra, as inxustizas ou o racismo. Outra serie correspóndese á etapa na que o creador conviviu cunha familia de campesiños alemá, co fin de facer visibles as súas ameazas e as inxustizas ás que estaban sometidos.

Tamén se pode ver na sala ribeirense un conxunto de estampas relacionadas cunha protesta antinuclear ou outras nas que o artista denuncia o dominio do ser humano sobre a natureza e as súas consecuencias. A exposición inclúe parte dos traballos que Kappeler fixo para renderlle a súa particular homenaxe ao filósofo Theodor Lesssing e ao Premio Nobel da Paz Carl von Ossietzky.

Chegada a España

A viaxe remata cos gravados que o alemán fixo en Barcelona, onde residiu unha temporada antes de establecerse definitivamente en Muxía. Alí inspirouse na xentes, nos monumentos e nos bares para plasmar formas e emocións recorrendo a unha linguaxe máis abstracta aínda cá das etapas anteriores.

Son, en xeral, obras que confirman, como ben dixo o catedrático de Belas Artes Antón Castro, que para Kappeler, «a pintura e o gravado constitúen unha especie de arma de loita e de compromiso co mundo que o rodea».

Rodeado das estampas que xa pasaron a engrosar os fondos do museo que el fundou, Javier Expósito amosouse impresionado pola calidade e agradecido pola doazón: «É singular que un artista regale a súa obra, pero trátase un xesto importante, que contribúe á consolidación deste proxecto que naceu hai 22 anos e que persegue que Ribeira sexa un referente no eido do gravado».

Detlef Kappeler respondeu recoñecendo que é para el un orgullo que os seus traballos teñan un oco nun museo da relevancia que ten o situado na localidade ribeirense de Artes.

Tamén o rexedor de Ribeira e presidente da fundación que xestiona o centro artístico, Manuel Ruiz, agradeceu a doazón dunha «obra impresionante, que quedará de por vida neste museo». En termos similares se manifestouse o patrono da fundación Daniel Buján: «Este tipo de doazóns son moi importantes, porque abren as posibilidades para que o museo siga medrando no futuro».

A inauguración contou coa intervención musical de Esperanza Mara, que elixiu pezas de temática amorosa: «Son as que mellor acompañan esta obra de compromiso e denuncia».