O festival gastronómico Cocidos do Camiño reuniu en Lalín a máis de 5.000 persoas
VEN A GALICIA
No apartado culinario repartíronse preto de 600 racións
17 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Despois de dous días de música, comida e diversión co festival gastronómico Cocidos do Camiño, tocou facer balance do evento celebrado en Lalín a pasada fin de semana. Tanto o alcalde, José Crespo, como Carlos Montilla, director de I-Radia Crea, empresa organizadora, amosáronse satisfeitos co resultado dunha cita que congregou na capital dezá a máis de 5.000 persoas procedentes de toda Galicia entre venres e sábado.
As actuacións musicais, especialmente a das Tanxugueiras e Baiuca, foron un dos principais atractivos do festival xunto co apartado gastronómico, repartindose máis de 600 racións dos catro diferentes cocidos que se elaboraron a cargo doutros tantos chefs de recoñecido prestixio: Montse Prellezo, Julián Hurtado, Cristina Rey e a lalinense, Cecilia Sanmartín.
Coa vista posta no congreso
Unha experiencia única que serviu tamén para exemplificar a importancia das rutas xacobeas coma rede cultural para promover as singularidades do seu percorrido, coma son os cocidos de Lalín para os peregrinos do Camiño de Inverno e da Vía da Prata. Un feito que destacou José Crespo, quen puntualizou que «é unha satisfacción que moitos galegos se achegaran a Lalín para coñecer os cocidos do Camiño de Santiago» e que os cociñeiros que viñeron de fóra «amosasen a súa ledicia polo convite e polo resultado do festival, tanto no referente á difusión como na venda e degustación do produto».
O rexedor lalinense asegurou que agora traballaran no congreso gastronómico no que «tentaremos contar con algúns referentes da cociña nacional e tamén autonómica», afirmou. Por outra banda, Crespo lembrou que tanto o festival Cocidos do Camiño así como a Feira do Mel ou a Alvariza «acadaron unha notable repercusión e un moi destacado éxito».
Finalmente, o director de I-Radia, Carlos Montilla celebrou «o bo ambiente, o éxito e o que pode supoñer este formato único de festival que se presentou en Galicia, un referente dunha nova forma de entender os festivais e as exaltacións gastronómicas». Ademais, anunciou que se trata dun evento «que aspira a seguir medrando con máis gastronomía e máis comunidades convidadas».