Nove museos de Santiago festexan hoxe o seu día con portas abertas, visitas especiais e obradoiros
VEN A GALICIA
Varias entidades darán continuidade ás actividades ao longo da semana
18 may 2022 . Actualizado a las 04:50 h.«O poder dos Museos». Ese é o lema escollido nesta edición para festexar hoxe o Día dos Museos, aos que se suman nove entidades compostelás con diversidade de propostas, que inclúen desde xornadas de portas abertas a visitas guiadas especiais, pasando por obradoiros e espectáculos. Algúns, ademais, prolongarán as súas actividades ao longo da semana.
Sete entidades únense para a celebración e despregarán alfombras vermellas na entrada para simbolizar a forza e o poder dos museos. Trátase do Museo do Pobo, CGAC, Museo de Historia Natural, Museo Casa de la Troya, Fundación Eugenio Granell, Museo das Peregrinacións e o Museo Pedagóxico de Galicia.
As Propostas
CGAC
O museo abre hoxe a todos o seu curso de arte, cultura e historia (19.00 horas). Mañá e o venres, o público poderá descubrir o proceso que se agocha detrás dunha exposición, con visitas guiadas ás 18.00 horas, na que tamén participarán os artistas Chelo Matesanz e Álvaro Negro (hoxe) e Amaya González Reyes e Vitor Mejuto (venres). A fin de semana haberá obradoiros para familias.
Museo do Pobo
Ademais de entrada de balde, programa hoxe, ás 16.30 horas, unha visita comentada á exposición «Coreografías do facer». Pola tarde, ás 19.00 horas, haberá un obradoiro de pandeireta dirixido a persoas de 12 a 16 anos. Mañá, ás 19.30 horas, desenvolverase unha sesión do itinerario sonoro pola colección permanente. Nas dúas últimas actividades é precisa inscrición.
Museo das Peregrinacións
Hoxe estrea o documental divulgativo «A Translatio», con pases continuos ata o venres de 11.00 ás 13.00 horas. Ademais, haberá visitas contadas ao museo ás 12.00 e ás 18.00 horas ata o domingo. Hoxe, ás 18.00 horas, Cé Orquestra Pantasma ofrece un espectáculo familiar. O venres o sábado haberá un obradoiro de fotografía e unha conferencia a cargo da presidenta da Axencia Magnum, Olivia Arthur, e a fotógrafa galega Carla Andrade. Ademais, o sábado está programado un taller de cestería con Idoia Cuesta e o domingo un de torques castrexos. Francisco Luengo impartirá o sábado unha charla sobre o músico medieval.
Museo Casa de la Troya
A entidade abre a súa tempada de primavera-verán. Hoxe incluirá xornada de portas abertas e visitas guiadas cada media hora. O museo abrirá de xoves a sábado de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas ata mediados de xullo, incrementando despois o seu horario.
Museo de Historia Natural
Ademais de ter xornada de portas abertas hoxe, inaugura «Bolboretas do mundo», con máis de 250 exemplares, e renova o seu «Recuncho de curiosidades». O venres haberá dúas visitas guiadas gratuítas, ás 17.30 e ás 18.30 horas.
Fundación Granell
Ata o sábado inclúe vistas gratuítas ao museo. Ademais, mañá de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, programa o Maratón de Lectura dedicado a José Rubia. Venres, ás 11.00 horas, haberá un percorrido guiado.
Museo Pedagóxico
Ata o domingo, o Mupega ofrece a ruta «Camiño por andar». Hoxe e o sábado programa un «escape room» familiar. O venres, ás 17.00 horas, actúan Os Monicreques de Kukas. As dúas últimas propostas precisan reserva.
Museo da Catedral
Hoxe pódese acceder de xeito gratuíto á colección permanente. Ás 11.30 e ás 16.30 haberá visitas guiadas á colección de tapices. Tamén o museo da igrexa de Santa María de Sar terá portas abertas de 10.00 a 12.00 horas. A visita guiada será ás 12.30 horas.
Cidade da Cultura
Retoma ata o 22 ás visitas especiais «Baixo a pel do Museo». Tamén hai percorridos guiados a «Obxectos de desexo» e «Xacobeo, as pegadas do Camiño».