Patrocinado por

As tres Virxes Irmás da Faladora

ana f. cuba LA VOZ

VEN A GALICIA

JOSE PARDO

A Pena Faladora dá nome á serra que vai desde o Porto de Bares, no concello de Mañón, ata o monte Caxado, no das Pontes. E arredor dela e de tres capelas hai unha lenda de tradición oral que xa poucos lembran

10 nov 2024 . Actualizado a las 17:22 h.

A Ana Durán Penabad, (A Coruña, 43 anos), etnógrafa e secretaria da Sociedade Antropolóxica Galega, desveloulle os segredos da serra da Faladora (a toponimia oficial di Faladoira, pero alí chamánlle Faladora) o seu avó José Durán Timiraos, que faleceu en novembro aos 92 anos. Toda a súa familia provén de Grañas do Sor, en Mañón, na comarca de Ortegal, á que ela se mantén moi vinculada. El foi tamén quen lle inculcou o gusto polas historias dos antergos e polas lendas, coma das tres Virxes Irmás da Faladora, «con tres capelas, a da Virxe de Portas, na parroquia de Devesos [Ortigueira], a de Pena de Francia e a de Merlán, ambas na parroquia do Freixo [As Pontes]», relata.

A esta lenda de tradición oral, que varía segundo o informante, adicoulle un ensaio. Para María Manuela Guerreiro, de Grañas do Sor, «son tres vellas que non se poden ver do mal que se levan, e cada unha foi á súa propia capela para non mirarse nunca máis, porque as capelas están en sitios baixos e así era imposible que se miraran entre elas». A súa veciña Carmen Penabad sostén, sen embargo, que eran tres mozas, «castigadas polo seu pai, que as separou e puxo a cada unha na súa capela, e desde aquela non se volveron ver».

No mapa, «cada unha das capelas constitúe un vértice, e uníndoos fan un triángulo», explica Durán. No centro, engade, está a Pena Faladora, que lle dá nome a toda a serra. «Atópase nas terras altas de Grañas do Sor, nun lugar onde se dividen Mañón, Ortigueira e As Pontes [...], e constitúe o linde das parroquias de máis elevación destes concellos, Grañas, Devesos, As Neves e O Freixo», indica.

Da pena tamén circulan lendas entre os veciños: «Os máis vellos cren que nese lugar habitaba unha muller, que contestaba con eco cando se lle falaba, e que se manifestaba na mañá do día de San Xoán, o máis longo do ano». Outra veciña de Grañas, Dolores Jarel, lembra que súa nai lle dicía que «no día de San Xoán se vía bailar o sol, se viña precedido por unha noite clara», unha referencia ao ouro, «relacionada co solsticio de verán e co moi probable culto solar», conclúe a autora do ensaio.

O lugar recoñécese desde a estrada AC-101, «que vai paralela ao Camiño dos Arrieiros [unha vía prehistórica que conta cunha das maiores densidades de túmulos funerarios da Península]. Alí hai unha cruz feita de lousa, o cristo da Faladora, seguramente unha forma de cristianizar o lugar ante este feito sobrenatural que crían os veciños. A cruz está sobre unha mámoa, pero o recinto ten unha considerable necrópole», escribe Durán.

Esta etnógrafa mantén que a orixe da «difusa lenda das Virxes Irmás, con varias versións», apunta a «algunha deidade atlántica trifuncional, probablemente céltica, debido ao intercambio marítimo prehistórico que chegou ás terras altas da Faladoira a través do Camiño dos Arrieiros, e que, posteriormente, por sincretismo, primeiro a través da adoración de divindades romanas, e despois cristián, derivou en tres virxes irmás». Incide na conexión entre as tres virxes, a partir da análise das datas das festividades e do feito de que todas coincidan con solsticios e equinoccios, «advocacións que fan referencias ao inframundo e aos astros, o cal reafirma a conexión coa Pena Faladora, onde algún día se fixo algún tipo de rito solar, que perdurou ata hoxe a través do mito da Moura, a pena que fala e a muller que aparece na noite de San Xoán».