

































A aldea de Córgomo invita a un paseo para coñecer os espazos nos que medrou o poeta
22 may 2022 . Actualizado a las 19:20 h.O 17 de Maio era o día de Florencio Delgado Gurriarán e os seus veciños quixeron que fora tamén o día de Córgomo. A aldea de Vilamartín de Valdeorras amenceu engalanada e coa súa mellor cara, disposta a manterse bela no tempo para que quen non a coñeza e decida descubrila, entenda dun só golpe de vista a influencia inspiradora no poeta homenaxeado co Día das Letras.
Nada máis saír da N-120 e enfiar pola OU-807, un gran medallón de lousa coa cara esculpida de Florencio indícalle aos despistados que van ben cara a aldea. E nada máis chegar, un mural pon ben grande o nome. É unha obra do artista local Xandre, o mesmo que firma o traballo feito na madeira que ocupa as desaparecidas portas da Casa da Cruz. A que foi a casa natal de Florencio levaba décadas en estado de abandono e estaba sendo comida polas silvas. Os seus novos propietarios limparon a maleza e déronlle un lavado de cara á fachada, na que destaca o escudo familiar. O traballo de Xandre consistiu en reproducir o interior da casa, o patio que vería calquera que pasara pola rúa cando as portas estaban abertas. Un traballo en branco e negro para o que o artista se valeu de fotografías antigas.
Non moi lonxe, na Aira dos Bolos, na que xogaba Florencio cando era cativo, un mural de Orde Caos conxuga o viño, a lousa e os bolos, atendendo aos desexos dos patrocinadores. A D.O. Valdeorras quería unha referencia ao viño, o Clúster da Pizarra unha á pedra e os veciños reclamaban un poema, os bolos e ao propio poeta. E con todo iso, Orde Caos aínda atopou algún recuncho para deixar a súa propia pegada. Así, o xogador de bolos leva uns zapatos indianos «para recalcar o tema da inmigración», di. E na bola aparece o mapa de Galicia, no que Vilamartín está marcado cunha cor algo máis clara. «E xoguei coa mirada para que Florencio ollase cara o poema e a bola, representando que a súa cabeza estaba sempre apuntando á terra», explica.
No barrio de A Caldeira, Gerardo Rodríguez firma o cuarto mural de Córgomo. «É unha fusión entre México e Galicia. Dun lado hai un sol azteca e un cacto dunha paisaxe desértica. Está feito con pezas de Sargadelos rotas postas de punta, para que o cacto pinche. Do outro lado hai unha cepa de viño en referencia a Galicia. E no medio, Florencio e a portada de Bebedeira», explica Rodríguez, tamén coñecido como Chere. «É unha fusión entre o viño que canta Florencio e a historia do exilio en México. As plantas levan o vermello, o verde e o branco da bandeira mexicana; e o azul do fondo é o da bandeira de Galicia», engade Chere. Foi un traballo no que non estivo só. «Pasaron moitísimos veciños botar unha man, ata chegar nalgún momento a que non tiñamos traballo que darlle á xente. Acabámolo nun só día», sinala.
Non é un mural ou non ao uso, a fachada da casa de Anxo Baranga, na que o artista leva anos facendo unha homenaxe a persoeiros da cultura galega. Non falta na imaxe Florencio, compartindo espazo, entre outros, con Rosalía de Castro e Castelao. Se anda Baranga pola casa tamén é posible descubrir, gardada no baixo, a escultura de madeira que fixo do poeta e que estivo presente no acto oficial da Real Academia Galega.
A asociación de mulleres rurais encargouse de que non quedara recuncho sen decorar. «Como Florencio era o poeta do viño, pensamos en reutilizar botellas», di Soledad Figueroa, a presidenta dunha entidade da que forman parte máis de oitenta mulleres. «Pintámolas e despois fomos escribindo nelas nomes de poemas, palabras e libros que despois colocamos en balcóns, paredes muros. A idea é que a xente saiba un pouco máis de quen era Florencio», engade. Di que a acollida foi incluso mellor da esperada e seguirán pintando máis botellas para colocar pola aldea.
A asociación tamén se encargou de encher de flores a aldea. Para colocalas foron polas casas pedindo aos veciños que doasen obxectos que non precisaran. E así xuntaron desde angarellas a cántaras de sulfato, que agora están á vista de todos. «Curiosamente todos son elementos etnográficos relacionados co viño», engadiu. Entre eles un cesto carral no que poden verse dous vendimadores. Son dúas esculturas de Pablo Deramond.
E espalladas tamén polas rúas están presentes os cadros feitos polos alumnos de varios colexios da provincia en homenaxe ao poeta.