O municipio chairego celebra a tradicional festa gastronómica o sábado 28
28 may 2022 . Actualizado a las 17:27 h.Sábado 28 • Todo o día • Guitiriz •
Todo listo en Guitiriz para festexar este sábado, día 28, a V Festa da Torta de Millo de Guitiriz, unha cita lúdica, gastronómica e cultural que recuperan esta fin de semana tras dous anos de parón pola pandemia. En total, repartiranse unhas 1.000 racións de torta de millo para degustar, pero tamén haberá obradoiros, mercado e música. O programa foi presentado este luns na Casa Habanera de Guitiriz pola alcaldesa, Marisol Morandeira, e polo deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas.
Ademais da degustación da tradicional torta de millo, celebrarase unha mostra de artesanía e a xornada estará amenizada con actuacións de agrupacións locais. Tamén terá lugar un obradoiro para os máis pequenos, relacionado co produto estrela do Concello. Ademais, hai organizado outro obradoiro de elaboración de queixo, a cargo de Vallelongo, para os máis pequenos, que poderán muxir a vaca Candela, tocar un piano coas teclas feitas de queixo e levar o queixo que cada neno elaborou, ademais dun diploma e unha bolsa con ceras para pintar. Será ás 12.00, ás 16,30 e ás 18.45, coas primeiras 50 inscricións gratuítas e por 5 euros o resto.
E, pola noite, será Sés quen poña o broche musical a esta cita, que por primeira vez se celebra no mes de maio.
A Deputación achega a esta cita gastronómica 21.541 euros a través do Plan Único 2022 para a organización das distintas iniciativas que se levarán a cabo durante a xornada. O deputado García Pernas recordou que a aposta por estas citas «demostra ben o compromiso que temos dende a institución provincial con Guitiriz, coa Chaira e coa promoción dos produtos de proximidade. Con festas como a da Torta de Millo estamos atraendo un turismo de calidade e sostible, e que pon en valor o noso patrimonio, un modelo polo que apostamos para favorecer un desenvolvemento equilibrado do territorio». Tamén animou á veciñanza da provincia a «achegarse á Festa da Torta, degustar este doce e participar nas numerosas actividades que o Concello ten preparadas, así como coñecer o seu patrimonio natural, cultural, monumental e gastronómico».