Patrocinado por

Nove Noel: O artista que realiza utopías

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

VEN A GALICIA

MARCOS CREO

Pouco a pouco, o rianxeiro converteuse nun nome propio do mundo do mural e agora vén de estrear unha exposición en pequeno formato na galería La Doce

26 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Di o dicionario que unha utopía é unha idea ou un proxecto que se considera moi bo pero irrealizable. Porén, hai persoas que son quen de rachar con esa definición e que logran tornar as utopías en realidades. O rianxeiro Nove Noel fíxoo de distintas maneiras, convertendo os muros en lenzos cos que comunicar algo e tamén facéndose un nome propio como artista. Os seus murais son ben coñecidos alén das fronteiras do Barbanza e poden verse en cidades de España, Portugal, Alemaña, Francia ou México, pero a súa obra en pequeno formato é menos coñecida. Vén de estrear unha exposición, Ultramarina, na que emprega novos códigos.

O cambio de formato supuxo un reto: «Cambia moitísimo, para min agora case é máis difícil pintar en pequeno que en grande, non hai unha referencia arquitectónica, é moi aberto e aí podes perderte un pouco. Pero tiña ganas de facer unha serie, pechar unha historia cun mesmo fío condutor. Os murais non sempre poden ter seguimento. É un comezo, é a primeira vez que me meto aí e vou con coidado, procurando non querer abarcar demasiado». Ultramarina, que pode visitarse na galería La Doce de Boiro, conta unha historia que ten moitas lecturas, pero que segue o proceso de construción dun barco, peza a peza, desde o esqueleto.

Universo marítimo

O mar, sempre presente. «Creo que é unha metáfora moi potente da propia vida», resume o artista, que ademais medrou entre a salitre: «Nunca me dediquei ao mar, pero desde pequeno estiven rodeado dese mundo, todo ese universo de redes, de barcos, estaleiros... é un fío moi bo do que tirar, é un mundo duro pero cheo de beleza».

Nesta mostra, Nove Noel xoga cos códigos e as técnicas artísticas dun xeito que o mural non sempre permite, en parte porque moitas das obras que fai son encargos, aínda que o seu selo está en todos eles: «Cada vez vai máis por aí, cada artista ten o seu punto de vista, a súa forma de materializar as ideas, e se alguén se identifica con iso vaille gustar máis o que fagas».

Partindo desa base, é preciso adaptarse ao que busca quen demanda o seu traballo e nese sentido o diálogo é importante para atopar o equilibrio: «Nese intercambio saen cousas máis interesantes, ás veces alguén ten unha idea concreta, pero esteticamente non sabe como plasmalo. Tampouco se pode pretender ser as mans de outra cabeza e está ben que a xente se queira deixar sorprender e confíe no que fas. Os resultados son mellores».

Facerse un oco e un nome no mundo do muralismo non sinxelo, nin rápido: «Non empecei de repente, foi moi progresivo. Sempre debuxei, pero non sabía a que me ía dedicar, víao como unha utopía vivir da pintura, e menos sendo dunha vila pequena. Empecei pintando cousas pequenas cos amigos, por divertimento e rebeldía adolescente, acabar dedicándome a isto foi bastante orgánico e lento. A actividade tamén foi evolucionando, antes non había festivais e estaba mal visto, e agora hai un bum».

Hoxe, son poucas as vilas que non presumen de ter murais feitos por artistas nas súas rúas, polo que pode haber quen considere esta disciplina unha moda, algo co que Nove Noel non comulga de todo: «Será unha moda para quen o considere así, para min lévao sendo vinte anos. Igual agora é tendencia, pero ben usada é unha ferramenta potente para transformar espazos e comunicar. Pero non é algo novo, vén de antigo, Lugrís, Castelao ou Maruxa Mallo pintaron murais. Agora é tendencia e igual pasa, pero os que nos dedicamos a isto seguiremos apostando por esta arte».

«Ultramarina». A exposición de Nove Noel está formada por acuarelas, pinturas acrílicas e unha instalación coa vela dun barco.

Ata cando? A mostra inaugurouse o pasado sábado cunha notable presenza de público e poderá visitarse na galería La Doce ata o 25 de xuño.