Patrocinado por

Alexandra Suárez e Gaiteiros de Buxantes, talento local no Festival Vákner

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

VEN A GALICIA

ANA GARCIA

28 DE MAIO | Achégase a noite na que compartirán escenario con Luar na Lubre, Carlos Goñi, Ismael Serrano ou Víctor Manuel

27 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira edición do Festival Vákner, mañá, deixará en Dumbría un día para a lembranza. Completo da mañá á noite e moi agardada esta última, cun concerto no campo de fútbol do que tomarán parte Luar na Lubre, Carlos Goñi, Ismael Serrano e Víctor Manuel. Talento consolidado ao que se sumarán artistas locais, como é o caso dos Gaiteiros de Buxantes, encargados de abrir a velada musical, e da moza Alexandra Suárez Quintáns (2002).

«Como primeira edición, fainos moitísima ilusión. Inaugurar o festival é motivador, moi gratificante forma parte dese cartel de artistas, un orgullo para nós e para unha parroquia coma Buxantes», dixo en Radio Voz Ramón Maril, director da agrupación. Na asociación son hoxe en día entre 40 e 50 persoas, sumando os asistentes a baile —incorporación este ano—, pandeireta e os propios gaiteiros. Por segundo curso expanden traballo cara as idades máis temperás, no cal Ramón Maril ten o apoio de Alicia Romero e Alba Trillo. Ao festival de mañá acudirá, di, a banda de gaitas, «o equipo titular». Será en certa maneira o estreo de tempada, e ben satisfeitos de que a música galega teña presenza neste tipo de actos.

Os gaiteiros de Buxantes xa teñen ido ao Festival Intercéltico de Lorient, como parte da banda Invernía que son. A pandemia non puxo as cousas nada doadas, fixo difíciles os ensaios e manter contactos, pero aí están, tratando de rexurdir, de recuperar proxectos. Participar no festival Vákner será, pois, un moi bo xeito de sumar forzas.

Banda de gaitas Invernía, da que forman parte os gaiteiros de Buxantes
Banda de gaitas Invernía, da que forman parte os gaiteiros de Buxantes

Dixo Maril que a xente ten ganas. E expectación. «Non contaba para nada con compartir un escenario con artistas coma eles. Para min pode ser moi importante, quizais o comezo de algo», reflexionaba onte Alexandra Suárez. Bieito Romero, líder de Luar na Lubre, falou da súa voz como «marabillosa» e será precisamente con esta banda coa que ela interprete Romeiro ao lonxe. Quizais, algunha sorpresa máis. De momento tranquila, mañá será o día de ver o resultado deses ensaios e primeiros contactos. E ollo, que xa van máis de 2.600 entradas dispensadas.

Cando

Mañá, sábado 28 de maio. Todas as propostas son de balde, gratuítas, mais debido ao control de aforo, para a noite de música, o Festival Vákner propiamente dito, é preciso reservar entrada: pode facerse en ataquilla.com ou tamén no Concello de Dumbría.

ANA GARCIA

Pola mañá

No Marco do Couto, das 11.00 horas en adiante, entregaranse os premios dos certames literarios Territorio Vákner, convocados por La Voz de Galicia co patrocinio do Concello de Dumbría. Hai dúas modalidades: adultos e escolares. Tamén nese mesmo acto quedará oficialmente inaugurada a escultura do lobishome Vákner, unha obra de Cándido Pazos que foi descuberta xa este mércores. Cinco metros de altura e máis de 1.300 quilos de peso. En canto aos concursos, o primeiro premio na modalidade de adultos recaeu en Natalia Lema Otero. No caso escolar, o primeiro premio en primaria foi parar a Xiana Pousa Pazos, alumna do colexio Agro do Muíño de Ames; o primeiro en secundaria, para Miguel Mosteyrín Osa, do Manuela Rial (Cee).

Pola noite

O Festival Vákner no seu apartado musical comezará ás 21.00 horas no campo de fútbol de O Conco. Luar na Lubre será o eixo, dalgunha maneira. Prato forte e agardado, a coincidencia no escenario, en colaboracións coa banda, de Alexandra Suárez, Carlos Goñi, Víctor Manuel e Ismael Serrano. Goñi, acompañando á voz de Irma Macías, atreverase coa peza «Vákner», presente no último disco de Luar na Lubre. «Pode ser algo memorable», como avanzaba Bieito Romero hai tan só uns días. Os Gaiteiros de Buxantes serán os encargados de abrir a noite.