Arte, pesca e gastronomía conflúen na nova edición da Festa da Troita de Ponte Caldelas
VEN A GALICIA
Dente onte, Ponte Caldelas celebra unha nova edición da Festa da Troita, unha cita que transcende o meramente gastronómico para adentrarse na arte e na pesca fluvial. Deste xeito, un ano máis e xa van tres, a praza de España e a Alameda inaugurará unha iluminación especial que se manterá durante todo o verán e que, como novidade, se complementará cunha iluminación branca na rúa da Igrexa.
A programación, que arrancou onte co inicio do primeiro Festival Troita Folk, xornada na que Os Coribantes presentaron o seu terceiro disco, A ponte da música, e que terá continuidade toda a fin de semana. Así, hoxe subiranse ao escenario o grupo de baile da Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabade e o Grup Folkloric Sa Colla de Buscastell de Ibiza, mentres que mañá lle tocará a quenda aos Cantos de Taberna con Catro Ventos e Cantanascroas.
En canto ás degustacións de troitas, dos dúas as preparacións que se ofertará na Alameda o sábado e o domingo: fritidas e en escabeche. Esta tarde o stand abrirá a partir das 19 horas e mañá de 12 a 14.30 e de 19 a 21 horas, mentres que os prezos «continúan sendo populares»,d e tal xeito que a ración con pan e un vaso de viño ou botella de auga é de tres euros.
A xornada de hoxe comezará ás 8.30 horas co inicio do concurso internacional de Pesca Deportiva na súa categoría Sénior e Veteranos que organiza a Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo en colaboración co Concello de Ponte Caldelas. Posteriormente, a partires das 17.30 horas haberá exhibición de baile co Club Treboada, o grupo de baile moderno do Colexio Público A Reigosa, o grupo de baile rexional Escola de Bailes Tradicionais Trouleada de Ponte Caldelas, o grupo de baile infantil dos Coribantes, e os grupos de bailes de salón Máis Que Baile e Ponte Caldelas Baila.
Ás 20 horas programouse o Certame de Corais, que por primeira vez se realiza na Alameda e contará con a Coral Valdarrosa de Ponte Caldelas, a Coral Polifónica Ventos do Val de Mos e a Coral Trasdeza de Silleda. A velada rematará cunha verbena a cargo de Alizanza e a Eme Music Disco Móvil.
Xa o domingo, o concurso de pesca comeza ás 9 horas nas categorías Feminina, Xuvenís e Infantís, e ás 12 horas, pasarrúas da Banda de Música de Meaño. Ás 13 horas, entrega de trofeos do campionato. Este domingo, ademais, clausurarase na Casa da Cultura a exposición Esmalte ao Lume e Vitrofusión.